Ponteareas máis preto de Rosalía de Castro

A concellería de Cultura celebra o mes de Rosalía con concursos de poemas, concertos e recitais

A concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba convida a desfrutar das actividades programadas para homenaxear á nosa grande novelista e poetisa, Rosalía de Castro, que naceu no concello de Padrón o 24 de febreiro do ano 1837 e pasou á historia da literatura polas súas obras e polo seu compromiso co pobo galego e coa lingua galega. Mito e símbolo de Galicia, e autora de obras como Cantares Galegos, Follas Novas ou En las Orillas del Sar, foi unha escritora innovadora e comprometida, adiantada ao seu tempo empregando a lingua galega na literatura cando ninguén o facía. Nas súas obras reflexou a situación máis maltratada de Galicia e denunciou a precariedade das e dos traballadores do campo e do mar e a dor da emigración e fixo unha firme defensa das mulleres denunciando o maltrato ao que estaban sometidas e os impedimentos e inxustizas da sociedade patriarcal.

As actividades e actos comezaron xa nos centros educativos de Ponteareas que participan no II concurso de poemas ilustrados Rosalía de Castro e continúan este domingo día 16 de febreiro ás 18:30 horas co recital poético de Anxo Angueira, poeta, escritor e estudoso da literatura galega, presidente da Fundación Rosalía de Castro que exerce de profesor na Universidade de Vigo.

Ao remate do seu recital, a concellería de Cultura procederá á entrega de premios do II Concurso de poemas ilustrados Rosalía de Castro para desfrutar logo do concerto de Habelas Hainas coa súa música intrumental chea de sons frescos.

Os actos para homenaxear á nosa escritora e pensadora prolongaránse no marco da iniciativa Converxencias que nos traerá o venres 28 de febreiro o concerto Fado Converxente no auditorio municipal ás 21:30 horas e o sábado día 29 ás 20 horas o concerto da orquestra de Sopros do conservatorio de Ponteareas e grupo Canto D’Aqui-Braga.

Implicar a toda a cidadanía e pór en valor aos nosos creadores e defensores da nosa identidade é un dos obxectivos desta concellería que contribúe así no coñecemento e promoción da lingua e da cultura galega e dunha figura como a de Rosalía que foi unha muller loitadora, reivindicativa, defensora das mulleres, da lingua e da cultura galega”, explica Fernando Groba.