Ponteareas máis chea que nunca

O goberno de Ponteareas agradece a todos e a todas os que estes meses se achegaron a Ponteareas para participar nas diferentes actividades da programación cultural facendo que en moitas ocasións se tivese que colgar o cartaz de cheo. O goberno quere colgar agora o cartaz de “grazas por desfrutar da nosa programación cultural” porque a finalidade deste esforzo é ofrecer variedade e calidade cunha programación para toda a familia.

Ponteareas estivo máis cheo que nunca e proba disto foi a primeira edición do Festival Internacional de Teatro de rúa no que os cativos e cativas xuntos aos seus pais e nais ateigaron as rúas acompañando os diferentes espectàculos, ou a última edición do Rock in Rio cunha Feira Vella na que non entraban máis persoas ou o cheo de cada día de concerto do festival Groba chegando ao concerto de onte coa cantante SÈS cun público que encheu de novo a Feira Vella.

Pero ademais, as rúas, prazas e parques de Ponteareas foron testemuño da alta participación e do interese suscitado pola Feira do Libro, a feira tradicional dos Remedios que bateu récord de visitantes, o festival de música Rebelde, o concerto de Susana Seivane, o concurso de gaitas ou as danzas do mundo, entre outras moitas propostas ofertadas de balde pola concellería de Cultura do concello de Ponteareas.

O goberno salienta tamén o incremento de visitas da veciñanza de toda a área metropolitana que comeza a ter Ponteareas como referente de oferta cultural e de lecer, un feito que repercute e beneficia tamén ao comercio e á hostalería local. A satisfacción pola programación cultural ofrecida no último trimestre e, en xeral durante todo o ano, foi trasladada ao goberno que recibíu múltiples felicitacións.

Unha programación realizada acorde á economía do concello, estudada e programada baseándose en criterios de calidade e variedade para que todos os públicos puideran desfrutar e na que se mantiveron as actuacións tradicionais como a música das verbenas ou os concertos das bandas de música e se introduciron eventos novos que sorprenderon ao público.

As rúas de Ponteareas foron máis transistadas que nunca e iso non o reflexa ningún documento escrito, próbase coas butacas cheas e as prazas repletas de xente bailando e desfrutando do seu tempo de lecer.