Ponteareas logra un novo obradoiro para 20 persoas desempregadas

A Xunta de Galicia aporta 180.000 euros para os programas “Compromiso Social II”  centrado en traballos de rehabilitación de vivendas na rúa dos Mestres, locais de ensaio no parque da Feira Vella e na atención sociosanitaria a persoas no domicilio

concello-noiteA Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ven de aprobar a solicitude do Concello de Ponteareas para contar cun novo obradoiro de emprego. O importe da subvención da Xunta, 180.000 euros, financiará os salarios e a seguridade social dos 20 participantes e os profesores, correndo o Concello co coste dos materiais empregados.

O programa de atención socio sanitaria permitirá que 10 alumnos adquiran competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social, aplicando as estratexias e os procedementos máis axeitados para manter e mellorar a a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno.

O outro programa ten que ver coa especialidade de albanelería e construción, que posibilitaría que outros 10 estudantes poñan en práctica os coñecementos adquiridos a través da rehabilitación do local que está baixo o escenario do Parque da Feira Vella e de dúas vivendas na rúa dos Mestres coa finalidade de destinalas a situacións temporais de emerxencia social

As persoas escollidas estudarán e traballarán durante seis meses e cobrarán unha remuneración igual ao salario mínimo interprofesional de 655,20 euros ao mes. Amais, o programa dará traballo a tres persoas para o equipo formativo do programa. O persoal docente a contratar está pendente por determinar en función dos criterios da Xunta de Galicia.

O alcalde Xosé Represas subliña que “este goberno ten como prioridade absoluta a creación de emprego en Ponteareas. Lograr un novo obradoiro era un dos nosos obxectivos para completar a formación e que 20 persoas poidan ter unha oportunidade laboral¨ Represas tamén recoñeceu o traballo dos técnicos e traballadores municipais que participaron na elaboración do obradoiro.