Ponteareas logra financiación para crear o parque forestal da Picaraña

A Deputación de Pontevedra ven de publicar ás solicitudes de subvención para a creación de Parques Forestais en terreos de montes veciñais en man común entre as que se atopan as solicitudes presentadas polo goberno municipal de Ponteareas por un importe total de 124.133,78, solicitudes que previsiblemente recibirán unha axuda de máis de 99.000 euros, 0 80% do total, nesta primeira convocatoria de achegas da Deputación.

Esta actuación é consecuencia do compromiso do alcalde, Xosé Represas, e do concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso, de convertir A Picaraña nun gran parque forestal. Á financiación da Deputación o goberno local terá que sumar unha aportación do vinte por cento do importe total do primeiro plan de actuacións.

O Concello de Ponteareas xa dera no pasado ano, coa aprobación en Pleno dun convenio de colaboración as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Ponteareas, Arcos, Bugarín e San Lourenzo de Oliveira, o primeiro paso para recuperar A Picaraña a nivel medioambiental, convertindoo nun lugar de referencia para o ocio e o esparcimento do ponteareáns, pondo en valor os elementos culturais e naturais dentro da oferta turística de Ponteareas.

O goberno local tamén prevé mellorar os espazos de lecer nas áreas forestais, en colaboración coas Comunidades de Montes, e neste sentido logrou tamén axuda da Deputación para mellorar á área forestal de San Cibrán-Muíños de Couso, nos montes veciñais de Guláns e Couso, e para financiar o Plan do parque forestal Viveiro-Seixiforna nos montes veciñais de Ribadetea e Xinzo
Represas manifestou que estas iniciativas irá en beneficio de todos, “dos veciños destas parroquias e tamén da veciñanza en xeral” e que nos vindeiros anos tratará de incorporar outros espazos de parques forestais nas diferentes comunidades de montes.

 

A Picaraña
Na actualidade A Picaraña dispón de dúas rutas de sendeirismo homologadas, varias pistas de descenso de BTT, varias áreas recreativas así como elementos de atractivo turístico como a Pedra do Equilibrio e, nas proximidades, o Penedo dos Namorados, ademais de varios xacementos castrexos. Algunhas comunidades como a de Arcos teñen proxectos xa elaborados para actuacións arqueolóxicas, creación dunha senda micolóxica ou a habilitación dunha zona de escalada