Ponteareas logra 421.291 para a mellora da contorna do complexo deportivo e centro de saúde

O goberno de Ponteareas logra 421.291, 29€ do plan DEPO-REMSE da Deputación de Pontevedra para o proxecto de “reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do complexo deportivo Álvaro Pino e centro de saúde.

A Deputación levará ao pleno deste venres 28 de setembro a concesión deste novo proxecto para Ponteareas que tamén mellorará a accesibilidade ao centro de saúde e espazos públicos anexos. 

Unha comisión de expertos valorou positivamente a proposta do concello de Ponteareas que resultou seleccionada e que, unha vez obtidos os informes de Patrimonio, Confederación Hidrográfica e estradas tanto da Xunta como do Estado, poderá procederse á contratación.

Obras nas beirarrúas, axardinamento, mellora da seguridade viaria e renovación dos accesos ao centro de saúde e á zona deportiva da piscina e pavillóns son algunhas das ideas que recolle o proxecto que acada un orzamento de 526.614,11€€. O concello de Ponteareas sufragará o 20% destas obras dentro do plan “Ponteareas, Hábitat Saudable” financiada cos fondos FEDER da Unión Europea mentres a Deputación aporta o outro 80% restante.

A Tenente de Alcalde e concelleira de Vías e Obras, a socialista Chus Garrote, indica que o proxecto incluirá tamén o derribo dunha construcción que con anteriores gobernos foi oficina de turismo e que agora está pechada por ameaza de ruina.

Pola súa parte, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, adianta que este proxecto forma parte dun conxunto de actuacións encamiñadas a garantir o acceso universal, a mellorar a entrada a Ponteareas e a facilitar a conexión cos paseos preto dos regatos ampliando tamén a beirarrúa peonil que conecta coa senda do río Tea. Un proxecto enmarcada dentro dunha estratexia de cambio para o futuro de Ponteareas. 

Tentar atenuar o impacto da N-120 que divide a cidade é outro dos obxectivos deste goberno que con este novo proxecto minorizará a complexidade deste espazo no que se atopa unha rotonda, unha estrada nacional e unha comarcal e edificios de servizos con alta afluencia de persoas.

O goberno tamén xestiona novas zonas de aparcamento no entorno do centro de saúde e do complexo deportivo e explica que é imprescindible incremetar a seguridade dos peóns nesta zona de alto tránsito tanto humano como de vehículos ofrecéndolle ademais sendeiros, camiños e beirarrúas máis atractivas que permita unha senda peoníl segura e segregada do tráfico de vehículos.