Ponteareas liquida duas sentenzas de intereses de demora por importe de 365.000 euros

O Concelleiro de Facenda de Ponteareas, Francisco Alonso, ven de dar conta do pago de dúas sentenzas xudiciais do ano 2014, dictadas polo Contencioso-Administrativo n.º.2 de Pontevedra por intereses de demora que sumaron un total de 365.869,79 euros. “Estas sentenzas son o froito do desastre de xestión herdado do PP” indicou o concelleiro de facenda

Alonso destaca que con este pago, o Concello de Ponteareas aboou dende 2015 un total de 9,5 millóns de euros de débedas atrasadas que foran impagadas polos distintos gobernos do Partido Popular, “esta cifra supón un total de 4.135 euros por habitante destinados ao pago de multitude de débedas atrasadas, diñeiro que non puidemos destinar a investimento en obras e servizos básicos para a cidadanía”. 

O concelleiro engade que as dúas sentenzas, por mala xestión do PP, foron dictadas a favor da empresa que ten o contrato de limpeza viaria e recollida do lixo dende 2007, FCC, por incumprimentos nos prazos de pagos deste gasto corrente. O procedemento de reclamación foi iniciado pola empresa pola demora do goberno de González Solla á hora de atender unha serie de facturas do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria.

Como o goberno local non atendeu as reclamacións previas, FCC interpuxo recursos contenciosos administrativos contra o Concello de Ponteareas. Estes recursos deron lugar a dúas sentenzas favorables.

Esta sentenza puido cumprirse neste momento, sen agardar pola aprobación dos orzamentos para 2018 por contar nos orzamento prorrogados cunha partida económica destinada ao pago de sentenzas xudiciais que xa fora utilizada en 2016 e 2017 para o pago doutras sentenzas por débedas impagadas.

“Estamos recuperando a confianza dos particulares e proveedores no Concello pois con antecedentes coma este a confianza estaba completamente rota, ademais a cidadanía perdeu este diñeiro, é decir, os incumprimentos dos pagos polos anteriores gobernos non nos saíu gratis, mais ben todo o contrario”, declarou o concelleiro de Facenda.  

O goberno local indica que xa lle cansa falar do pasado pero non ten máis remedio que explicar a qué destina o diñeiro dos impostos dos e das ponteareáns e tamén de informar que agora si se cumpren os compromisos e as obrigas diarias e sigue asumindo os incumprimentos anteriores.

Con estas cantidades poderíanse ter realizado as obras que garantizasen o subministro de auga potable a todas as vivendas que neste momento aínda carecen deste servizo básico ou colaborado coas traídas veciñais, ampliar a rede de saneamento, completar as instalacións culturais e ampliar e mellorar as deportivas.