As obras, que tamén comtemplan a renovación da rede de saneamento, comezarán antes de rematar 2019
O alcalde adianta que están en marcha xa obras por máis de dous millóns de euros
O concello de Ponteareas da un paso máis na mellora e transformación do núcleo urbano, agora coa obra de humanización da rúa Redondela, e informa que está aberto o prazo para que as empresas poidan presentar as súas ofertas ata o 30 de outubro . Cun orzamento de licitación de 520.226,70€, o concello financia o 20% e os fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, o 80% do custe da obra.
Cumprindo co seu compromiso de facer de Ponteareas un fogar no que vivir o concello comezará a humanizar a rúa Redondela antes de finais de ano facendo realidade o proxecto decidido entre o goberno e a cidadanía. O alcalde Xosé Represas explica que, mediante un proceso participativo a veciñanza da zona recibíu información sobre a transformación a relizar, reuníuse cos técnicos redactores do proxecto, podendo trasladar as súas suxestións e necesidades chegando mesmo a ser partícipe da proposta que se vai executar.
A opinión maioritaria decantouse pola alternativa que supón un maior grao de humanización da rúa. Deste xeito, o proxecto contempla, segundo adianta a concelleira de Vías e Obras Chus Garrote, un único sentido de circulación desde a rotonda da estrada de As Neves até o entronque da rúa Redondela coa rúa das Pombas. Desde aí até a rotonda do Axente Comercial manterase o dobre sentido de circulación. A alternativa escollida contempla a ampliación substancial das beirarrúas que oscilarán entre os 2,50 metros e un máximo de 6,00 metros.
Ademais contémplase a plantación de 27 árbores e a instalación de 12 farolas con tecnoloxía led, 6 bancos, papeleiras, dispensadores de bolsas para excrementos de cans e paneis informativos para colocación de información municipal.
Tamén se reducirá o límite de velocidade aos 30 km/h e créase unha zona a maiores de carga e descarga
O alcalde Xosé e a concelleira sinalan que esta acción, xunto coa humanización do primeiro tramo da rúa San Roque que xa está executándose, a obra de sanemento e mellora do Alto da Glloria, o trama da rúa Fernández Vega frente praza da abastos-auditorio a piques de arrancar, a mellora da eficiencia enerxética do conservatorio e da escola infantil municipal, ademais doutras moitas obras, nestes meses Ponteareas ten execución obras por máis de dous millóns de euros e son exemplo da “transformación por completo da vila converténdoa nun lugar pensado para a xente, no que vivir, pasear e desfrutar”.