Ponteareas lamenta que a Xunta faga deixación das súas responsabilidades no inicio do curso escolar

Ante a pasividade do goberno galego, o concello presta apoio á comunidade educativa e asumirá sobrecustos económicos que agarda sexan resarcidos

 

O goberno local de Ponteareas lamentou a “deixación de funcións e responsabilidades da Xunta no inicio do curso escolar”. A través da concelleira de Educación, a nacionalista Cristina F. Davila, o executivo local adiantou que “ante a pasividade do goberno galego o Concello estase encargando de prestar apoio á comunidade educativa e asumirá sobrecustos económicos que agardamos sexan resarcidos no futuro polo goberno galego”.

 

Suplindo a inacción da Xunta, Cristina F. Davila convocou a reunión celebrada a pasada semana na que participaron as direccións dos centros escolares e os coordinadores do Centro de Saúde así como diferentes responsabeis municipais. Neste encontro abordáronse todas as dúbidas con respecto aos procedementos de detección de posíbel alumnado con síntomas do COVID19, corentenas, teléfonos e persoal sanitario de contacto, etc. Ademais dende o Concello convocouse para o vindeiro 21 de setembro unha xornada de formación coas comisións COVID de cada centro educativo.

 

A concelleira de educación lembra que “xa durante o confinamento o Concello tivo que facerse cargo de atender necesidades urxentes ante a desaparición da Xunta. Entre outras accións, encargámonos da loxística necesaria para entregar a todo o alunado o seu material educativo que quedara no centro, material informático ou aquel preciso para avanzar nas distintas materias”.

 

“Podíamos limitarnos a esixir á Xunta que cumpra coas súas obrigas, pero non imos deixar tirada á comunidade educativa e estamos a suplir a pasividade do goberno galego cos nosos recursos e a nosa xestión”, sinala Cristina Fernández.

 

Por outra banda, as esixencias de limpeza e hixiene suplementarias obrigan a ampliar o persoal de limpeza nos colexios de infantil e primaria e os custos en materiais específicos para a COVID19, sen que a Xunta de Galicia artellara ningún mecanismo para asumir este custo, desentendéndose por completo.

 

A isto debemos engadir que o Concello tamén asumirá o sobrecusto derivado da pandemia en servizos complementarios que asume a institución municipal desde hai anos diante da deixación da Xunta, coma a Aula Matinal ou o comedor escolar do CEIP Fermín Bouza Brey, xestionados polo propio Concello.

 

A concelleira de Educación lamenta que a Xunta estea desaparecida cargando todo o peso da situación sobre as direccións dos centros e sobre os Concellos. “A deixadez e despreocupación é tal que a reunión que solicitei a primeiros de agosto ao Xefe Territorial da Consellaría de Educación, Pérez Ares, aínda non foi atendida”. “Despois de todo o verán, o punto de partida do inicio de curso é o mesmo que en marzo”, engade.