Ponteareas lamenta a perda de José Teixeira, unha lenda do atletismo galego

Ponteareas lamenta a perda de José Teixeira, unha lenda do atletismo galego

Foi o primeiro fondista galego da historia en acadar a internacionalidade e posicións destacadas no ámbito estatal

O Concello de Ponteareas lamenta a perda do deportista ponteareá José Teixeira, unha lenda do atletismo ponteareá e galego. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández,  lamentou a triste nova e trasladou no nome da Corporación municipal as súas condolencias á familia e ás persoas achegadas.

José Teixeira Alonso naceu na parroquia ponteareá de Angoares o 3 de decembro de 1928. Aínda que comeza a practicar atletismo con 14 anos, o seu debut oficial non se producirá ata 1947, cando participa e queda gañador no III Campionato Galego de campo a través, na categoría de neófitos e debutantes, celebrado en Balaídos. En 1951 Teixeira incorpórase á recén creada Sociedad Deportiva Juvenil de Ponteareas. Iníciase a partires de entón a etapa de maior esplendor da carreira deportiva de Teixeira e do atletismo ponteareán, con figuras coma o seu irmán, Antonio Teixeira, ou Enrique Freitas.

Nese ano 1951 convértese en campión de España nos 3.000 metros obstáculos, proba na que tamén vence nun encontro internacional en Portugal. Un ano despois logra o campionato galego de 1.500 metros lisos e 1.500 obstáculos e bate o récord galego nos 10.000 metros lisos. Ao ano seguinte Teixeira convértese nun atleta de talla internacional tras vencer nos 3.000 metros obstáculos en París, batendo o récord de España. Ao seu palmarés sumará ese ano o de campión galego de 1.500 metros e de campo a través e campión galego e de España de 3.000 obstáculos, batendo ademais os récords galegos de 1.500 e 3.000 metros lisos.

1955 será o colofón da carreira deportiva de Teixeira. Tras lograr o campionato galego e de España de 3.000 obstáculos, o ponteareán participa nos Xogos do Mediterráneo onde obtén a medalla de bronce. Retírase ese mesmo ano, dicindo adeus á súa carreira deportiva o primeiro fondista galego da historia en acadar a internacionalidade e posicións destacadas no ámbito estatal.

Dende a súa retirada estableceu a súa residencia definitiva en Arcos e continuou unido á SD Juvenil como masaxista do club. Ao longo das últimas décadas recibiu diferentes recoñecementos e homenaxes, entre elas o de ser portador da antorcha olímpica en 1992 ao seu paso por Ponteareas. Dende o ano 2014 a súa parroquia de adopción acolle o Trail José Teixeira, que cada edición congrega a centos de atletas arredor do recordo e o recoñecemento a unha lenda do atletismo galego e ponteareá e a un home querido por todos os seus veciños e veciñas.