Ponteareas investirá máis de 400.000€ na mellora da contorna da piscina municipal e do centro de saúde

As obras contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través do plan DEPOREMSE e terán un prazo de execución de tres meses

O goberno do BNG-PSOE informou da adxudicación das obras de humanización e mellora da accesibilidade no entorno do complexo deportivo Álvaro Pino e do Centro de Saúde por 403.228€.

A reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do complexo deportivo Álvaro Pino e mellora da accesibilidade ao centro de saúde e espazos públicos anexos conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos viarios municipais (DEPOREMSE) que financia o 80% da obra. O Concello aportará con fondos propios o 20% restante

As obras, que se executarán ao longo de tres meses, suporán a transformación completa de todos os espazos públicos situados entre o complexo deportivo e as estradas que o rodean: N-120, estrada Ponteareas-Mondariz e acceso ao Centro de Saúde. Combinaranse amplos espazos verdes e arborados con zonas de estacionamento e executaranse novas beirarrúas e melloras da seguridade viaria renovándose os accesos ao centro de saúde e á zona deportiva da piscina e pavillóns.

O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, explican que esta nova obra constitúe un exemplo máis da política iniciada en 2015 polo actual goberno municipal co obxectivo de mellorar a calidade de vida recuperando espazos para o desfrute da cidadanía

A actuación que mellora da mobilidade e seguridade no entorno, persigue tamén facilitar a mobilidade desde o regato da Venda cara o río Tea e a súa senda e mellorar o aspecto e a estética urbana dunha das principais entradas á vila de Ponteareas. Con ese obxectivo tamén se eliminará a construción adicada antigamente a posto da Cruz Vermella e despois a oficina de turismo, edificación que se atopa en estado ruinoso afeando a zona.