Ponteareas investirá 770.000 euros na humanización da Praza de Bugallal

O equipo redactor da reforma e humanización da Praza de Bugallal entregou o proxecto definitivo ao concello de Ponteareas. A obra terá un custo de 770.000 euros dacordo co proxecto e se atopa agora en Patrimonio para obter a súa autorización previa. Unha vez obteña o visto bo licitarase, adxudicarase e executarase, segundo as previsións do goberno, neste ano e nun prazo máximo de seis meses, sempre despois da celebración da festa do Corpus. A obra conta con financiación do fondo europeo de desenvolvemento rexional (EEDER) da Unión Europea.

O proxecto é a culminación dun proceso que se iniciou co concurso de ideas gañado polo equipo de urbanistas Abalo e Alonso, profesionais de recoñecido prestixio e premiados por coñecidas actuacións de rexeneración urbana. Posteriormente desenvolveuse un proceso participativo entre os colectivos sociais no que se recolleron ideas e suxestións, algunhas das cales se incorporaron ao proxecto definitivo. No documento entregado tamén se recollen as recomendacións de Patrimonio para axilizar agora o trámite de autorización. Tamén se contemplan todas as actuacións necesarias no subsolo como conducións de saneamento, augas pluviais e demais servizos subterráneos de maneira que unha vez feita a obra non se precise acceder ao subsolo en moitos anos.

Esta actuación, ao igual que outras en marcha como o Paseo Matutino, Rúa Redondela ou Rúa San Roque pretende mellorar a vila dando prioridade ao tránsito de peóns e bicicletas e incrementando a superficie verde no centro urbano.

Na diagnose feita polo equipo técnico sobre o estado actual da Praza de Bugallal destácase que as beirarrúas son moi pequenas ao predominar o tráfico rodado sobre o peonil. Ademais, na práctica a praza funciona a efectos de tráfico como unha sorte de rotonda o que a ailla do resto de espazos peonís como a Igrexa ou as rúas da Esperanza e de Oriente que conectan coa Praza Maior.

No proxecto agora presentado dase prioridade ás persoas sobre os vehículos, que accederán desde Vidales Tomé, rúa que será de sentido único, aumentando as súas prazas de aparcamento. A saída da praza realizarase polo mercado ou por Senén Canido. A actuación supón que todo o espazo se converterá nunha única plataforma ao mesmo nivel, con novo mobiliario urbano, grandes xardineiras e espazos verdes e nova iluminación.