Ponteareas insta á Xunta a realizar na PO-403 as obras urxentes de mellora da seguridade peonil e viaria

O Alcalde e a Tenente de alcalde trasladaron á esixencia das actuacións na Avda. Castelao e Angoares

A mellora da seguridade peonil e viaria na estrada da Xunta, PO-403 ao seu paso polo núcleo urbano de Ponteareas e as parroquias de Angoares e Moreira é unha das prioridades do goberno municipal de Ponteareas, presidido por Xosé Represas. E neste sentido, o goberno de Ponteareas ven de esixir á Xunta de Galiza, nunha recente reunión coa Conselleira de Infraestrututras, Ethel Vázquez, por parte do Alcalde e a  Tenente de Alcaldes, Chus Garrote, a necesidade de acometer de inmediado as obras de mellora da seguridade peonil e viaria nesta estrada autonómica, especialmente na Avda. Castelao e na parroquia de Angores.

Alcalde e Tenente de alcalde trasladaronlle á Conselleira o malestar do goberno local e da cidadanía por non ter actuado nesta estrada que soporta unha altísima intensidade de tráfico dende a apertura da autovía hai máis de 20 anos. O goberno lembrou o atropelo mortal do pasado mes de xullo nesta estrada na parroquia de Angoares

Nesta reunión, Ponteareas esixíu concretar as actuacións prioritarias que precisa a PO-403 dando resposta así ás peticións xa trasladadas do goberno e da Corporación municipal que van na mesma liña que as demandas veciñais. En concreto, as primeiras medidas que o goberno puxo enriba da mesa foron as obras na Avda Castelao para completar as beirarrúas e no entorno da superficie comercial de Angoares na que aconteceron os últimos sucesos tráxicos.

Enriba da mesa analizáronse as actuacións urxentes de mellora de seguridade para os milleiros de peóns  que a diario utilizan as marxes da estrada PO-403 nas parroquias de Angores e Moreira, así como o tramo que cruza o núcleo urbano na Avenida Castelao. “Esiximos que asuman as súas competencias, é unha estrada da Xunta e é a administración autonómica quen ten que realizar as obras” manifestou Represas engadindo Garrote que “estamos a falar da vida das persoas”

Para acelerar o proceso, o goberno entregoulle á Conselleria unha proposta valorada para completar as beirarrúas na Avda. Castelao e suxeríu unha serie de actuacións que non son moi costosas e si mellorarían a seguridade peonil, podéndose realizar a curto prazo sen necesidade de ocupación de novos terreos.

Conscientes de que a Xunta conta con recursos para executar estas obras de emerxencia pero tamén de que non se pode agardar máis, o goberno instou á Consellería a concretar actuacións e prazos inmediatos de execución. 

A Consellería acordou que os seus técnicos analizarán as propostas aportadas por Ponteareas para comprobar se son coincidentes coas prioridades que marca a Xunta e realizar un informe que o goberno agarda chegue o antes posible. 

“A seguridade da cidadanía non pode esperar, pedímoslle á Conselleira que concrete si pensan acometer as obras urxentes, nesta estrada da súa competencia, ou nón?”,  manifestou Represas.