Ponteareas inicia unha nova edición do programa de voluntariado ambiental xuvenil

Co obxectivo de ofrecer á mocidade a oportunidade de gozar, aprender e mellorar a vinculación coa súa contorna, a concellería de Voluntariado, que dirixe Miguel Bouzó, puxo en marcha unha nova edición do programa de voluntariado ambiental xuvenil.

Esta edición ofrece formación en espazos abertos e amplos no medio natural, incorporando as aprendizaxes teóricas nunha formación práctica que garanta a actividade das participantes. Neste sentido, o programa engloba formacións sobre a Rede Natura 2000 no río Tea e a biodiversidade da contorna, identificación da flora e da fauna, a problemática das especies exóticas invasoras, as especies protexidas ou o uso público nos espazos naturais.

Entre as actividades formativas, realizaranse diferentes saídas para realizar unha mostraxe da flora e da fauna, identificándoa mediante rastros e pegadas, para a posterior realización dun inventario florístico e faunístico da nosa contorna. Ademais, levaranse a cabo actividades como a limpeza de lixo en montes e ríos, ou novidosas accións como a limpeza do Tea dende kayak. Estas actividades serán abertas ao público con prazas limitadas.

O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, sinalou que “o programa lévase a cabo por persoal con formación e titulacións relacionadas coa educación ambiental, e supervisadas por un Licenciado en Bioloxía, logrando así o máximo rigor na aprendizaxe das participantes”. Así mesmo, as actividades realizaranse seguindo os protocolos e as medidas de seguridade establecidas ante a Covid-19.