Ponteareas inicia unha campaña para evitar os excrementos de mascotas nos espazos públicos

A campaña inclúe medidas de concienciación, instalación de papeleiras con expendedores de bolsas, vixiancia e sancións

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou o inicio dunha campaña dirixida a evitar a presenza de excrementos de mascotas en espazos e vías públicas. A campaña inclúe medidas de concienciación dos propietarios de mascotas, a instalación de papeleiras con expendedores de bolsas para a recollida de excrementos, un dispositivo de vixiancia da Policía Local e a apertura de expedientes e imposición de sancións aos infractores.

Represas sinalou que “este goberno pretende nos vindeiros catro anos cambiar radicalmente a imaxe e o aspecto da vila de Ponteareas e convertela nun exemplo de limpeza. Estamos deseñando unha ampla campaña con este obxectivo que se dará a coñecer proximamente, pero solucionar o problema específico dos excrementos de cans é unha demanda social que non pode agardar nin un día máis”.

O alcalde lembrou que no ano 2004, a concellería de medio ambiente, impulsara a aprobación dunha ordenanza municipal de limpeza da vía pública que contemplaba sancións para os propietarios de mascotas por non recoller as deposicións na vía pública. “Os posteriores gobernos do PP non a aplicaron. Nós daremos un prazo prudencial para concienciar aos propietarios e de seguido comezaremos a aplicar a ordenanza e impoñer sancións aos que continuen ensuxando a nosa vila”. As sancións poden ser de até 30,05 euros.

As inspeccións e vixilancia se farán por parte da Policía Local e o goberno local incluirá o control do chip obrigatorio identificativo do animal e a súa inscrición no censo municipal habilitado a tal efecto.