Ponteareas inicia un proxecto de rutas seguras para a práctica do ciclismo en vías con baixa densidade de tráfico

A medida busca garantir a seguridade dos ciclistas e permitir a práctica dun deporte que é un dos sinais de identidade de Ponteareas

A medida será aplicada en estradas da rede secundaria, de competencia municipal e de baixa densidade de tráfico para que non supoña un impedimento para os desprazamentos en coche dos veciños e veciñas

O Concello manterá o próximo luns 24 de abril unha xuntanza cos diferentes clubs ciclistas do concello para aportar ideas e tratar da seguridade dos practicantes deste deporte nas estradas que pasan polo municipio

 

A Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá do Concello de Ponteareas, que xestiona a concelleira Vanesa Fernández, en colaboración coa Concellería de Deportes, dirixida por Benito Márquez, poñerán en marcha un proxecto destinado á creación de ‘vías seguras’ para a práctica do ciclismo e garantir a seguridade dos numerosos particulares e clubs que practican este deporte na súa modalidade de estrada.

Para a posta en marcha desta iniciativa elixiranse estradas secundarias de competencia municipal e que teñan, de xeito habitual, unha baixa densidade de tráfico rodado. Ditas estradas contarán cunha sinalización específica, ben visible, que avise aos condutores de que se trata dunha vía na que os ciclistas teñen prioridade e limitarase a circulación a 20 quilómetros/hora.

Vanesa Fernández xustificaba a necesidade desta medida como medio de  evitar “tráxicos accidentes como os que ultimamente reflicten os medios de comunicación” e garantir a práctica dun deporte que, en Ponteareas, “conta con centos de practicantes, tanto particulares como clubs” e que é “un dos nosos sinais de identidade”.

As vías escollidas para poñer en marcha estas ‘vías seguras’ e que se darán a coñecer á veciñanza de xeito detallado contarán, cando menos nos primeiros días da súa posta en marcha, con controis da Policía Local “que terán un carácter máis informativo que sancionador”, matiza a concelleira de Tráfico.

Vanesa Fernández non ten dúbida “de que a veciñanza de Ponteareas que, con independencia que o practique ou non, sabe de ciclismo e vive o ciclismo como en poucos lugares, entende perfectamente esta medida”.

Do mesmo xeito, solicitarán á Deputación de Pontevedra que mellore a sinalización nas estradas da súa competencia que pasan polo municipio, sobre todo en aquelas que son máis usadas polos ciclistas.

A concelleira quixo dar as grazas a Pedro Alfaro, ex vicepresidente da Federación Española de Ciclismo e  Secretario Xeral da Federación Galega de Ciclismo entre 1986 e 2004, home estreitamente vinculado a este deporte durante moitos anos, que “amosou o seu interese por esta iniciativa dende o primeiro momento e que, coñecedor deste deporte como poucos nas súas diferentes facetas, fixo interesantes achegas para a posta en marcha do proxecto”.

Asemade, a Concellería de Deportes convocou este luns 24 de abril unha reunión á que invitou ás diferentes entidades ciclistas existentes na nosa vila para exporlle as medidas que dende o consistorio se teñen pensado por en marcha para mellorar a seguridade ciclista no noso Concello e para obter achegas que os propios clubs poidan facer de cara a facer as estradas do noso municipio máis accesibles para os practicantes desta modalidade deportiva e evitar atropelos e accidentes.