Ponteareas inicia coa reforma da biblioteca o aforro enerxético e a mellora dos edificios públicos

A Concellería de Urbanismo, Vías e Obras, que dirixe Chus Garrote, inicia as obras de mellora dos edificios públicos coa recepción do informe de avaliación do edificio e redacción do proxecto para a mellora da eficiencia enerxética da biblioteca-museo de Ponteareas. 

Financiada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, esta actuación conta cun orzamento de 182.991€ e atópase dentro das liñas de execución da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”. 

Reducir a demanda de calefacción e con isto o consumo de combustible, protexer fronte a auga, evitar problemas de fisuración, reducir as emisión de CO2 e evitar as perdas de calor son os obxectivos destas obras de mellora que permitirán subir duas letras no índice da eficiencia enerxética, actualmente D, tras as reformas B. 

Entre as obras que se executarán están a mellora do aillamento térmico na cuberta do museo, na da biblioteca e na da biblioteca infantil, cambio da iluminación da biblioteca por sistema led e instalación de sensores de presencia e reguladores de luz en función da luz natural e mellora da pintura plástica interior para optimizar a reflexión lumínica e reparar humidades e gretas. 

Ademais, instalarase calefacción na biblioteca infantil cun sistema de aerotermo alimentado pola rede actual de calefacción. Tamén se substituirá o vidro do ventanal oeste por uns baixoemisivos que reducen as perdas de calor no inverno e laminares con membrana acústica que reduce a entrada de ruidos. Complétase esta obra coa instalación dun etor enrrollable motorizado con sensor de sol e vento e con tecido técnico de proteción solar micro-perforado.

Por último, separarase a estrutura metálica da cuberta do museo da fachada para evitar dilatacións e a fisuración da fachada que tamén será pintada ao igual que a fachada do museo. Para evitar a entrada de auga a través do alfeizar que provoca humidade no interior da porta de saída á praza instalarase unha albardilla de aluminio no ventanal oeste 

A Tenente de Alcalde e Concelleira de Urbanismo explica que comezará a tramitación para sacar a concurso a adxudicación das obras.

“Con estas obras melloraremos un dos espazos públicos con máis usuarios e usuarias ofrecéndolles un lugar agradable e silencioso para traballlar. Seguindo as directrices de “Ponteareas, Hábitat Saudable” as obras permitirán un aforro no consumo de calefacción e iluminiación ademais dunha menor contaminación coa reducción das emisións de CO2 facendo deste espazo un lugar confortable axeitado para o estudo”.

Estas obras de eficiencia enerxética completaranse coas que realizará a Concellería de Cultura de reforma da distribución do espazo neste edificio que implicarán o traslado do departamento de cultura para o andar baixo donde tamén haberá unha zona de recepción e un punto de atención turística que ofrecerá así un horario tan amplo como o da biblioteca cun total de 68 horas semanais aberta ao público.