Ponteareas inicia en Silleda e Vigo a promoción dun dos seus Corpus máis especiais e agardados

Ponteareas inicia a promoción dun dos seus Corpus máis especiais e agardados en Silleda e Vigo

 

Concello e Asociación de Alfombristas do Corpus Christi promocionan na Semana Verde de Silleda esta Festa de Interese Turístico Internacional

 

As e os alfombristas levarán as súas creacións ao centro comercial Vialia de Vigo, que se completará cunha exposición fotográfica sobre o Corpus

 

Coa celebración do Corpus Christi ás portas, o Concello en colaboración coa Asociación de Alfombristas de Ponteareas comeza unha campaña de promoción para achegar esta Festa de Interese Turístico Internacional máis alá da vila. O pistoletazo de saída foi este mesmo xoves 2 de xuño coa participación na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Silleda, onde o Concello porá a disposición dos e das visitantes un stand informativo no que durante catro días persoal experto achegará información turística tanto do Corpus como de Ponteareas en xeral.

 

Para acompañar este stand, a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi realizaron unha das súas creacións de arte floral efémera co Camiño de Santiago como progatonista. A alfombra poderá ser visitada polo público durante os catro días que durará a feira.

 

“Queremos que o público que aínda non coñeza a nosa vila e o Corpus descubra todo o que podemos ofrecer en Ponteareas. E animamos a todo o mundo a compartir con nós a nosa festa grande nesta volta á normalidade tras dous anos de pandemia, a volta a días de traballo, de goce e de arrecendo a flores que vivimos con intensidade”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

A campaña continuará esta fin de semana no centro comercial Vialia de Vigo, onde a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas creará este sábado 4 de xuño unha nova peza de seis metros de diámetro preto da entrada principal. As e os alfombristas empregarán materiais secos, buganvílea, tuia verde moída e outros materiais para crear unha alfombra que perdure ata o vindeiro 20 de xuño. Esta arte efémera irá acompañada da exposición ‘O Corpus no tempo’, unha mostra fotográfica que recolle 20 imaxes con alfombras dos diferentes tramos.