Ponteareas inicia a contratación para adquirir unha propiedade para un novo equipamento público na contorna da Praza Maior

DCIM100GOPROGOPR1768.JPG

Os usos do futuro edificio foron definidos nun proceso de participación cidadá

 

O goberno de Ponteareas do BNG e do PSOE vén de abrir a contratación patrimonial para adquirir unha propiedade na contorna da praza Maior. Co obxectivo de pór en marcha novos servizos á comunidade, o Concello prevé mercar un inmoble. A financiación da obra de restauración e posta posta en servizo á cidadanía será realizada cos fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable”.

 

Ante a carencia de edificios de propiedade municipal para atender novos servizos á cidadanía, ou incluso para atender con maior amplitude os existentes como é preciso no momento actual, o goberno municipal pon en marcha os prodecementos administrativos para adquirir unha nova infraestrutura. “Este novo espazo estará ubicado no casco histórico e será un lugar no que acoller distintos servizos e instalacións municipais, sempre enfocado a dar unha mellor atención á cidadanía. A xestión económica do Concello realizada dende 2015 permítenos dar agora este paso para incrementar o patrimonio municipal”, afirmou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

 

Este novo equipamento permitirá potenciar o dinamismo do casco vello da Vila, e concretamente a zona da Praza Maior e a súa contorna. Unha liña de actuación xa contemplada no programa de Fondos Feder e da EDUSI “Ponteareas Hábitat Saudable”. Dende fai tempo, esta parte da Vila vén amosando un contínuo deterioro habitacional, palpable no progresivo aumento de edificacións e vivendas en estado de abandono, así como un progresivo avellentamento e perda de residentes. Un fenómeno semellante ao de moitos cascos vellos doutras vilas e cidades galegas, e que ao mesmo tempo ven provocando a reacción das distintas administracións para a súa recuperación e revitalización.

 

Previamente, e con esta finalidade, o goberno municipal realizou un proceso de consulta cidadá no que participaron representantes do tecido socioeconómico da Vila (Asociacións deportivas e culturais, comerciantes, hostaleiros, entidades sociais, colectivos vulnerables -mobilidade reducida, terceira idade…-), ademáis dunha consulta dixital. Tamén se contou coas aprotacións realizadas por representantes da administración local (Membros do goberno e voceiros dos grupos políticos con representación municipal, persoal técnico e traballadores municipais). Froito desa participación definíronse os usos do futuro edificio.

 

Agora o Concello negociará coa propiedade dos inmobles que reúnen as características técnicas e de ubicación para a súa posible compra pasando a formar parte do patrimonio municipal.