Ponteareas inaugura o Centro de Interpretación do Tea

O concello de Ponteareas inaugura o vindeiro sábado día 16 o Centro de Interpretación do Tea (CITEA) que se enmarca dentro do proxecto da senda do Tea. 

Con esta iniciativa o goberno local porá en valor toda riqueza non so medioambiental se non tamén patrimonial e etnográfica dos arredores das beiras do río. 

No centro de interpretación atoparemos paneis informativos sobre a flora, a fauna e introducción á historia usos e costumes vinculadas ao río Tea. Ademais, hai un proxector que ofrecerá vídeos temáticos e os visitantes poderán ver a maqueta do curso do río Tea dende o Súido ata a desembocadura na Fillaboa. 

No exterior do CITEA haberá un panel didáctico informativo dixital de uso táctil para todos os visitantes que se acheguen fora do horario de atención ao público. 

A inauguración arrancará cun roteiro guiado de dificultade media que partirá ás 18:00 horas das pistas de tenis da Freixa e rematará no centro cultural de Fozara lugar donde se ubica o CITEA. A ruta será liñal así que a organización recomenda deixar parte dos coches no punto final para facilitar o regreso.

O río Tea é o río principal da comarca do Condado querealiza un percorrido de 50 quilómetros ata a súa confluencia co Miño. Nace das correntes que baixan das serras do Suído e do Faro de Avión, no concello de Covelo. Atravesa este municipio, o de Mondariz e o de Mondariz-Balneario con dirección nordés-sudoeste ata introducirse no de Ponteareas, aproveitando unha fractura tectónica. Neste territorio adopta unha orientación norte-sur que tamén mantén no seu paso polo concello de Salvaterra de Miño, onde desemboca na parroquia de Arantei. Ao longo deste itinerario o seu caudal enriquécese coas achegas hídricas de varias correntes, especialmente coas do río Borbén, pola dereita, e as do Uma e Xabriña, pola esquerda. 

Outros tributarios importantes son os regos de Mouro, Cillarga, Ponte Pardellas ou da Barxa e os ríos Portapiñeiros, Aboal, Alén, Xinzo, ou Caraño. Tanto por caudal coma por lonxitude, o Tea é o afluente máis destacado da conca baixa do Miño. Boa parte do curso fluvial foi declarado, en 2001, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) polo valor ecolóxico que alberga a súa flora e fauna, entrando a facer parte da Rede Natura 2000 da Unión Europea. 

Ao longo do seu curso podes gozar de 12 km dun sendeiro que transita xusto á beira do río entre os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas. Existe, ademais, un ramal interior de 5 km que discorre por camiños tradicionais ao longo das parroquias ponteareás de Fozara, Padróns e Ribadetea.

Durante o percorrido do roteiro coñeceránse os aspectos máis relevantes tanto medioambientais como naturais que arrrodean as beiras do Tea. 

Todos os interesados e interesadas deberán preferiblemente inscribirse telefónicamente no teléfono 986 66 07 65(biblioteca municipal) ou no enderezo electrónico medioambiente@ponteareas.gal

O Alcalde de Ponteareas engade que “esta iniciativa está enmarcada na liña de actuación do goberno de Ponteareas de divulgación e protección do patrimonio natural e cultural, especialmente o Tea e os seus afluentes que conforman o territorio municipal”.