Ponteareas impulsa unha fronte social e política para lograr as melloras na N-120 e a creación da variante

Ponteareas impulsa unha fronte social e política para lograr as melloras na N-120 e a creación da variante

 

O Goberno reuniuse con numerosos colectivos e cos grupos municipais para definir a súa estratexia dende a unidade política e social

 

A alcaldesa esixe ao Goberno do Estado compromisos por escrito con prazos e financiamento concretos e verificábeis

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o primeiro e a segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote, mantiveron un encontro con numerosos colectivos das parroquias de Ponteareas afectadas pola rede viaria do Estado na localidade, así coma cos grupos municipais.

 

Con esta primeira reunión o Goberno municipal pretende impulsar a máxima unidade política e social arredor das principais reivindicacións que atinxen á rede viaria do Estado: as melloras na seguridade da N-120 e a variante que debe conectar esta vía coa A-52. A alcaldesa apelou a esa unidade e adiantou que nos vindeiros días o Goberno local manterá encontros co resto do tecido asociativo da localidade coma o sector empresarial e comercial ou a comunidade educativa. “A nosa intención é construír unha fonte social e política liderada polo Concello e que aglutine ao conxunto da veciñanza de Ponteareas para reivindicar con toda a forza dun pobo unha solución definitiva e inmediata á seguridade na N-120 e á construción da variante”, explicou.

 

Na reunión marcáronse tamén as liñas mestras da estratexia a seguir. Por unha banda, esixiranse ao Goberno do Estado “compromisos claros, por escrito e verificábeis”. A rexedora sinalou que “logo de décadas de anuncios e promesas incumpridas é o intre dos compromisos concretos e detallados. Queremos un cronograma que recolla os pasos que o Ministerio vai dar, os prazos de cada unha desas fases e a concreción económica das actuacións a executar, tanto no relativo á seguridade na N-120 como na variante”. Cristina Fernández remitiu xa en agosto un escrito á Dirección General de Carreteras do MITMA nese sentido, pero na súa resposta o Ministerio limitouse a sinalar que a variante se atopa no trámite de avaliación ambiental e que o proxecto de seguridade na N-120 se está a supervisar tecnicamente para a súa futura exposición pública. “Non nos vale esta resposta, queremos prazos concretos cuxo cumprimento poidamos controlar”, advertiu a alcaldesa, quen remitiu un novo escrito ao Ministerio esixindo eses prazos. “Se non hai resposta ou se mantén a ambigüidade sen compromisos claros, Ponteareas mobilizarase coma nunca antes se fixo”, advertiu Cristina Fernández.