Ponteareas humanizará en 2019 a rúa Redondela

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou a próxima humanización da rúa Redondela, tras contratar o pasado 3 de decembro a redación do proxecto. O equipo técnico redactou xa dúas alternativas de mellora da rúa que agora serán sometidas á consideración da veciñanza nun proceso participativo que se desenvolverá nas vindeiras dúas semanas. Dacordo coas previsións do goberno local, unha vez escoitadas as opinións e ideas dos residentes na zona, o equipo técnico redactará o proxecto definitivo, a obra adxudicarase con cargo ao presuposto municipal e aos fondos do programa europeo e a reforma integral da rúa realizarase neste ano 2019, probablemente xa no primeiro semestre.

As alternativas proxectadas contemplan a ampliación substancial das beirarrúas con espazos de calidade para o paseo, árbores para o sombreado da rúa, mobiliario urbano e mellora da seguridade vial, seguindo o modelo de humanización do Paseo Matutino.

Segundo Xosé Represas “con esta actuación damos un novo paso no noso modelo de vila pensado para as persoas, para a xente maior e os máis cativos, para as persoas con mobilidade reducida ou para as bicis. A rúa Redondela foi deseñada hai anos sen pensar nas persoas que alí ían vivir. Agora, da man deste goberno, chegou a hora de converter esta rúa nun espazo novo en nun lugar no que vivir, pasear e desfrutar”.  

Tanto Represas como a Tenente de alcalde, Chus Garrote, salientaron que “actuacións como a do Paseo Matutino ou a da rúa Redondela, xunto a outras moitas que se anunciarán nos vindeiros días, son posibles grazas a que o pasado ano logramos sanear economicamente o Concello. Nestes tres anos de goberno saldamos débedas acumuladas doutros tempos por importe de 10 millóns de euros. A partires de agora os impostos dos ponteareáns xa non se destinarán a pagar débedas, senón a facer obras e crear servizos na vila e no rural”.

Para recoller as opinións e ideas da veciñanza o Concello habilitará a vindeira semana un espazo específico na web municipal, distribuiranse polos edificios a información das alternativas redactadas polos técnicos e celebrarase unha reunión aberta ás persoas interesadas.