Ponteareas homenaxeará a máis de 10 mulleres do concello

A concellería de Igualdade organiza este acto para recoñecer a máis de 10 ponteareás que foron capaces de romper as barreiras de xénero

cartel-homenaxe-mulleresO Auditorio Reveriano Soutullo será escenario dunha merecida homenaxe a máis de 10 mulleres do concello en recoñecemento o seu incansable labor en diferentes eidos, fomentando en moitos casos “a necesaria loita contra as barreiras que aínda hoxe existen na nosa sociedade por cuestións de xénero”, tal e como vén de afirmar a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.

O acto terá lugar o domingo 13 de marzo a partir das 18:00 e fai parte da programación que a concellería de Igualdade desenvolve en torno ao Día Internacional da Muller, que se celebrou o pasado 8 de marzo.

As homenaxeadas serán María Martínez Camba e Rogelia Martínez Camba, rexentes da coñecida confitería da vila Dinguilindin; Carmen García Nogueira, en representación das mulleres que traballaron na leitería de Pías; Eva Carpente Allegue, referente nos movementos asociativos na parroquia de Bugarín; Divina Rodríguez Fragueiro; activa participante en todo tipo de eventos organizados na parroquia de Prado; María del Carmen Cerdeira Ucha, traballadora da parroquia de Areas; Pilar Rodríguez Rodríguez, traballadora da parroquia de San Mateo de Oliveira; Maricarmen Zúñiga Rivero, unha loitadora ben coñecida en Celeiros pola súa solidariedade coa veciñanza desta parroquia; e un grupo de mulleres en representación do colectivo de peixeiras da parroquia de Xinzo.

Esta fin de semana, a sala de usos múltiples do Auditorio tamén acollerá dúas charlas / coloquios. A primeira titúlase “Saúde na muller” e terá lugar o venres 11 de marzo a partir das 19:00 horas. A segunda ten que ver co papel histórico da muller nas comunidades de montes e comezará ás 19:00 do sábado 12 de marzo.