Ponteareas homenaxea Fermín Bouza Brey

A concellería de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística que dirixe Hortensia Bautista informa que este domingo 31 de marzo, ás 10:30 terá lugar unha ofrenda floral nas proximidades do Efificio dos xulgados de Ponteareas a Fermín Bouza Brey e ás 11:00 h haberá un roteiro visitando os lugares emblemáticos da vila do Tea que tiveron relación co insigne polígrafo ponteareán.

Bouza Brey foi un xuíz que compaxinou a súa traxectoria como xurista coas tarefas de investigación histórica e creación literaria, chegando a ser membro da Real Academia Galega.

Fillo predilecto do Concello, Fermín Bouza Brey naceu na Praza Maior de Ponteareas o 31 de marzo de 1901.

En 1919 publicou o seu primeiro artigo, Teatro de outrora en Santiago en español. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos en 1923; ao ano seguinte empezaría a escribir por primeira vez en galego co artigo Vos estudantes ao arcebispo. Foi colaborador en revistas como Cristal, Resol ou Nós. Xuíz desde 1929, durante a Guerra Civil foi separado da carreira por galeguista ata que en 1938 foi rehabilitado como xuíz de Viella, Siero (Asturias) para pasar despois á Estrada (Pontevedra). Ingresou na Real Academia Galega en 1941. A pesar da ditadura, continuou o seu labor de investigación na sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto Pai Sarmiento. A súa produción máis sobresaliente foi dentro do mundo científico. A súa investigación céntrase principalmente na prehistoria e arqueoloxía de Galicia, aínda que tamén atendeu campos como a epigrafía, a numismática e a etnografía. As súas obras principais no campo científico son : Bibliografia dá prehistoria galega, Prehistoria e Folclore de Barbanza e A civilización neo- eneolítica galega. De igual maneira tamén se dedicou ao estudo bibliográfico de escritores galegos. Destacan os seus artigos sobre Rosalía de Castro. Como poeta destaca por ser o iniciador do neotrovadorismo tendencia que tamén vai ser seguida por Álvaro Cunqueiro ou Álvarez Blázquez. Neste campo é autor de Nave senlleira e Seitura. En 1992 dedicóuselle o Día das Letras Galegas,1​ que se celebrou no municipio ourensán de Cortegada, onde está enterrado.

Hortensia Bautista anima á veciñanza a percorrer os recunchos da vila de Bouza Brey en familia e así deixar o legado da nosa historia aos máis pequenos e pequenas de Ponteareas.