Ponteareas homenaxea a 10 mulleres do concello

As homenaxeadas para celebrar o Día Internacional da Muller foron propostas polos colectivos sociais do municipio

A Concellaría de Igualdade organizou este acto, amenizado pola actuación musical de Tangata, para recoñecer 10 ponteareás que foron capaces de romper as barreiras de xénero.

O Auditorio Reveriano Soutullo foi escenario o domingo 19 de marzo pola tarde dunha merecida homenaxe a 10 mulleres do concello en recoñecemento o seu incansable labor en diferentes eidos, fomentando en moitos casos “a necesaria loita contra as barreiras que aínda hoxe existen na nosa sociedade por cuestións de xénero”, afirmou a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera. A área de Igualdade seguirá a organizar actos durante os vindeiros meses para difundir e reivindicar o traballo das mulleres na sociedade e a igualdade de xénero.

As homenaxeadas foron Clara González González, loitadora incansable da Asociación de Xubilados/as Antigos Emigrantes do Condado ante a inxusta situación das emigrantes galegas retornadas que están a ficar sen as súas pagas do estranxeiro; Olga Pérez Mariño, muller moi activa e participante en todas as actividades da parroquia de Bugarín; Benedicta González Bugarín “Chola”, nada en Moreira, emigra moi nova, nai de tres fillos ,ten que retornar a Ponteareas por mor dun accidente dun deles e ao pouco queda viúva, representa a constancia na loita diaria; Pilar Lago Lorenzo, foi a única muller na creación da primeira Asociación de Veciños de Pías aló polo ano 1985, exemplo por abrirlle paso a participar a outras mulleres nas directivas das asociacións; María Isabel Estévez Rodríguez, muller loitadora que participa en todas as propostas e colaboracións da parroquia de Prado; Gloria Represas Rodríguez, muller emigrante, que incluso traballou na empresa máis importante de champán de Francia, que participa en todos os eventos e actividades da parroquia de San Mateo, sobre todo, no Entroido; e Alicia Poñez Represas, María Nieves Represas Giráldez, Lina Táboas García e María Ojea González, por seren elas a primeira comisión de festas da parroquia de Xinzo conformada integramente por mulleres en 1984.