“Ponteareas farase oir ante o Estado e a Xunta pola circunvalación”

O goberno de Ponteareas  advertíu hoxe ao Estado á Xunta que “Ponteareas se fará oir dunha vez por todas ante o Ministerio de Fomento e a Xunta  pola estafa e a farsa da circunvalación”.

Segundo Represas, “o goberno español, e nos últimos anos tamén a Xunta, leva vinte anos xogando con esta necesidade prioritaria para Ponteareas, convertíndoa nun culebrón cuxos capítulos sempre se emiten coincidindo cos períodos electorais”.

O alcalde e todo o goberno, lembraron que nas últimas dúas décadas “Estado e Xunta utilizaron a circunvalación de Ponteareas como un timo en forma de promesa electoral. Xa está ben de que utilicen a Ponteareas para os seus intereses políticos e electorais, acusándose ou excusándose según gobernen uns ou outros. Chegou o momento de que Ponteareas se faga respectar e como alcalde e goberno imos actuar de forma contundente”.

As declaracións do goberno de Ponteareas prodúcense ante a decisión do Ministerio de Fomento de reducir a 7 millóns de euros os 21 millóns previstos nos orzamentos de 2018. Para o Alcalde e a Tenente de alcalde, Chus Garrote esta decisión é “a gota que colma o vaso da paciencia de Ponteareas. O Estado incumpre o seu compromiso e iso é unha fraude. E a Xunta, agora, critícao esquecendo que entre 2012 e 2017, ao igual que nos anos anteriores, o Partido Popular tampouco fixo nada desde o Estado”.

Represas salientou a “unidade e o consenso absoluto en Ponteareas para reinvidicar a circunvalación. Todos os días sofremos as consecuencias de non contar con ela. E non imos seguir agardando outros 20 anos máis”. O alcalde anunciou que “o goberno porase ao frente dun amplo e potente movemento social que demostrará a forza deste pobo. Estou seguro de que os partidos políticos, cidadáns, empresarios, comerciantes e todos os sectores sociais de Ponteareas seremos unha soa voz fronte ao Estado e a Xunta”. Xose Represas anunciou a convocatoria dun Pleno monográfico para consensuar unha resposta unitaria e fixar as accións políticas e sociais a emprender “para que a circunvalación pase de falsa promesa a ser unha realidade”