Ponteareas fará cumprir os horarios dos locais nocturnos para asegurar a convivencia e o dereito ao descanso

Hai locais que acumulan 40 e 50 denuncias en dous anos por superar até en 4 horas o horario máximo permitido

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, manterá esta semana unha reunión cos hostaleiros que son reiteradamente sancionados por incumprimento da normativa de horarios. Mera explicou que “se trata dun grupo moi reducido de locais de ocio nocturno, en concreto dez establecementos, que de maneira continua incumpren os horarios de actividade e terraza. O edil aclara que “se trata de incumprimentos graves con establecementos que pechan dúas, tres ou catro horas máis tarde do horario legal causando problemas para a convivencia en Ponteareas” e cita como exemplo un local “na rúa Vidales Tomé, con licenza de cafetaría e horario de peche máximo en sábados ás tres e media da madrugada e que só en 2019 leva recibidas 23 denuncias porque se mantén aberto incluso até as sete ou oito da mañá”.

Mera sinala que os horarios de peche “non son un capricho, veñen establecidos por lei e pretenden asegurar o dereito a descanso da maioría da poboación”. Segundo o concelleiro nacionalista, a maioría dos locais sancionados non respectan o horario de peche, algúns acumulan 40 e 50 denuncias nos últimos dous anos, permiten aos clientes sacar ao exterior a bebida, o que provoca ruidos para o vecindario, acumulación de lixo nas beirarrúas e rúas e que a clientela ocupe a calzada creando riscos para a seguridade vial.

Mera admite que “as sancións non están sendo eficaces porque parece que a algúns lles compensa pagar a sanción e abrir catro horas máis do permitido”. O concelleiro aposta polo entendemento cos titulares das actividades “e que voluntariamente respecten as normas de convivencia. Se continuan vulnerando os dereitos dos demais adoptaremos as medidas necesarias para poñer fin a estes abusos”.

Ao fío deste asunto, Mera amosouse “sorprendido” ante as manifestacións do presidente dos hostaleiros, Isidoro Pino, quen a pasada semana criticou ao Concello por sancionar a locais por incumprir horarios. O concelleiro salientou que “o 95% da hostelaría en Ponteareas respecta as normas de horarios. Non parece moi acertado que o presidente do sector defenda ao 5% que non as cumpre porque os que abren máis do permitido ademais de causar problemas de convivencia, tamén fan competencia desleal aos que si cumpren as normas”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, defendeu o apoio do goberno á hostelaría fronte ás críticas de Pino. “Nestes últimos anos a programación cultural e de ocio nas rúas de Ponteareas foi a mellor da súa historia e iso está beneficiando á hostelaría máis ca nunca. Ademais, por vez primeira o Concello achega 30.000 euros ao ano á Federación de Comercio e Hostelaría para que organicen actividades de promoción do sector. Por iso, culpar ao goberno municipal do peche de bares e cafetarías nos últimos anos e vinculalo aos horarios de actividade está fóra de lugar, máxime cando arrastramos unha crise económica desde hai unha década que explica o fracaso de moitos negocios”.