Ponteareas estuda os casos de éxito das novas tecnoloxías aplicadas á xestión municipal

sdr

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Benito Márquez, e técnicos do departamento de informática do concello de Ponteareas visitaron en Madrid un dos proveedores de solucións de smartcity máis relevante a nivel estatal para estudar posibles tecnoloxías aplicables á mellora da xestión municipal e dos servizos á cidadanía.

A delegación ponteareá coñeceu os casos de éxito aplicados noutros concellos e interesouse por proxectos de aparcamento intelixente que permiten a redución do CO2, a xestión de pechaduras por centros coa que se podería programar os horarios de apertura e peche dos edificios municipais e regular e controlar as entradas e saídas dos usuarios e usuarias; a maximización da xestión do alumeado público, o control de fluxo das persoas para coñecer os puntos máis transitados e outros adiantos como o smart building centrados no aforro enerxético que permiten contabilizar o consumo por zonas e andares.

Tamén se interesaron pola última tecnoloxía en sensórica, introducíndose no mundo dos medidores de niveis de CO2, medidores de caudal dos ríos, contaminación das augas e sistemas que permitan saber a capacidade dos contedores do lixo para optimizar os tempos e as rutas de recollida.

Co obxectivo de buscar iniciativas da máxima calidade e sempre tendo por referencia casos de éxito, a concellería de Novas Tecnoloxías adéntrase nos últimos avances que ofrece a tecnoloxía para aplicar na mellora dos servizos á veciñanza maximizando tamén os recursos municipais, contribuíndo ao aforro e, en definitiva, ofrecer maior calidade de vida a todos e todas, seguindo na liña dos pasos marcados pola estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” financiada con fondos FEDER.