Ponteareas estuda crear un parque de ‘calistenia’ e ‘work out’

A ‘calistenia’ e o ‘work out’ son dúas modalidades deportivas semellantes centradas nos músculos co fin de desenvolver axilidade, forza física e flexibilidade. Estas modalidades deportivas consisten no adestramento co propio peso corporal mesturado con movementos de tensión e explosión, realizadas en barras de diferentes lonxitudes e diámetros que se converte nunha especie de ximnasio ao aire libre.

Unha das maiores vantaxes destas modalidades é que son instalacións gratuítas, alternativas ao ximnasio tradicional, onde a súa práctica non está limitada por horarios nin tampouco se fan necesarios elementos adicionais ao propio corpo.

A Concellería de Deportes, dirixida por Benito Márquez, está estudando a instalación deste tipo de zonas na nosa vila, coa intención de dar resposta á demanda existente das mesmas por parte da xente nova e de dotar a Ponteareas de mellores instalacións, abertas e gratuítas.

“En anos anteriores gran cantidade de concellos fixeron un esforzo en crear parques biosaudables para xente maior, pero pola contra, na maior parte deles esquecéronse de crear este tipo de parques de cara a xente máis nova. Ata nós achegáronse rapaces que solicitaban unha instalación destas características, e, sendo conscientes da súa necesidade, cremos necesario cando menos estudar a posibilidade da súa creación”, explica Benito Márquez.

“Cada vez hai máis xente nova en Ponteareas interesada en adestrar ao aire libre, persoas que intentan escapar do abafo dos espazos pechados e moitas veces con dificultades económicas para pagar os ximnasios privados. Dende a Concellería de Deportes consideramos que promover o deporte, facilitar o acceso ao mesmo dos que menos teñen e potenciar o contacto entre os veciños son obrigacións da institución municipal, e é por iso que este tipo de instalacións nos parecen tan interesantes”, indica Benito Márquez, concelleiro de Deportes.

Enquisa

Para promover a partición veciñal e coñecer de primeira man a opinión dos veciños, a Concellería de Deportes iniciou na web municipal e nas redes sociais municipais (Facebook, Twitter) unha enquisa na que buscan coñecer cal consideran os veciños que sería a mellor ubicación para estas instalacións. Os espazos que a Concellería propón son tres, o Parque das Pombas, o Parque Ferro-Ucha e o Parque anexo a Pardellas, se ben tamén se permite que os usuarios indiquen unha ubicación alternativa.

Os interesados en cubrir a enquisa poden facelo no seguinte enlace:

https://www.facebook.com/concelloponteareas/app/138147962901963/?app_data=%7B%7D

Deste xeito, o Concello de Ponteareas segue a traballar na liña das directrices marcadas na estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” financiada con Fondos Feder procedentes da Unión Europea, e na que se recollen as accións que marcarán o futuro de Ponteareas encamiñándoa cara a sostibilidade e a participación cidadá.