Durante o sábado, día 2 de agosto, e o domingo, día 3, os visitantes á XXIV Feria de Turismo y Artesanía del Camino de Santiago, que se levou a cabo en Carrión de los Condes, puideron coñecer de primeira man a vila de Ponteareas, o seu patrimonio e o seu maior reclamo turístico que é o Corpus Christi.
Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Ponteareas estivo presente cun stand propio nesta feira tan coñecida, invitado polo concello de Carrión de los Condes, Palencia, e que ten por obxectivo impulsar o turismo no Camiño de Santiago. O concelleiro de Cultura e Turismo, Andrés Sampedro Fernández, considera que esta feira é un escaparate perfecto para a promoción e difusión da riqueza cultural e turística de Ponteareas, e así o concello a través da súa presenza neste tipo de feiras turísticas continúa a promocionar e difundir todo o patrimonio da Vila do Corpus.
Destaca, igualmente, o coñecemento que moitos dos visitantes do stand tiñan da festa do Corpus e de Ponteareas, tanto a nivel persoal, como a través doutros medios.
Neste stand do Concello de Ponteareas proxectáronse vídeos do Corpus Christi de distintos anos, así como se ofertou material turístico de Ponteareas, do Corpus, así como material gráfico de turismo da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas.
Así mesmo, o Concello de Ponteareas ofreceu a degustación dunha das exquisiteces gastronómicas da vila como son as rosquillas de Ponteareas. O edil de Turismo, Andrés Sampedro Fernández, quere agradecer publicamente a colaboración das Confiterías Ancla, Regino e Troncoso, rosquilleiros de Ponteareas que, como en anos anteriores, contribuiron desinteresadamente coas súas rosquillas.