Ponteareas esixirá a Fomento a adopción “inmediata” de medidas de seguridade que reduzan o número de accidentes na N-120

 A proposta foi acordada por todos os grupos da corporación e recolle as demandas da plataforma formada polos colectivos sociais de Areas, Arnoso e Xinzo

 

Q55A9209A corporación local ponteareán debatirá mañá, 19 de abril, unha moción cuxo contido foi acordado por todos os grupos da mesma e pola plataforma formada polos colectivos sociais de Areas, Arnoso e Xinzo para a mellora da seguridade viaria na N-120, na que se esixe ao Ministerio de Fomento, entre outras cuestións, “a realización inmediata de medidas de seguridade viaria que permitan unha redución dos accidentes na N-120 ao seu paso polo Concello de Ponteareas, especialmente entre os puntos quilométricos 644,61 e 650,00”.

A proposta tamén especifica a instancia “ao goberno do Estado a acometer, urxentemente, as actuacións de obras, sinalización, iluminación e de seguridade viaria necesarias no citado tramo”, ademais da “mellora dos enlaces coas estradas municipais e a realización das actuacións necesarias como, por exemplo,  o acceso da parroquia de Arnoso coa N-120 en ambos sentidos da circulación”.

A intención do goberno é “demandar de Fomento compromisos concretos, non actuacións electoralistas como as que fixo hai un ano a Ministra Ana Pastor asinando un protocolo para realizar a circunvalación poucos días antes das eleccións municipais, compromiso do que non se fixo nada a pesar de requirir dende o goberno local a constitución da Comisión Mixta prevista nese protocolo”, tal e como explicaron o alcalde ponteareán, Xosé Represas e a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández.
Os veciños destas tres parroquias “levan pedindo unha solución dende 1996, advertindo de que as enormes carencias de conexión coa A-52 teñen provocado durante os últimos 20 un elevadísimo índice de sinistralidade no tramo da N-120 que vai dende o núcleo urbano de Ponteareas ata o alto do Confurco”, asegurou o propio rexedor municipal, quen tamén engadiu que “non podemos esperar máis, estamos a falar dunha cuestión de máxima prioridade e, de non poñer estes medios ou non acometer as actuacións necesarias, a responsabilidade de calquera accidente, no caso de producirse, recaería sobre as persoas que podendo actuar para evitalo, non o fixeron”.

“Agardamos que Ministerio de Fomento estea á altura da petición, a cal conta co respaldo de toda a corporación dada a enorme relevancia da mesma”, concluíu Represas.