Ponteareas esixe a Fomento un calendario con datas para a mellora da seguridade viaria da N-120

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, reuníronse hoxe coa subdelegada do goberno en Pontevedra, María del Carmen Larriba, acompañados dos representantes da plataforma veciñal da N-120 e membros da oposición, para tratar directamente a situación das actuacións previstas en materia de seguridade no tramo da N-120 ao seu paso por Xinzo, Areas e Arnoso. 

Nesta reunión, solicitada polo goberno de Ponteareas, a subdelegada de goberno escoitou atentamente o malestar do goberno ponteareá e da plataforma veciñal que non entenden por que motivo non se materializaron durante estes últimos anos os compromisos adquiridos por Fomento.

“Fomento ten comprometido a mellora da seguridade viaria na N-120 ao seu paso por Ponteareas e a construción da variante que comunique a A52 co núcelo urbano e a N—120. Estes compromisos xa figuraban con partidas concretas para a súa execución en  2017 e non se executaron e agora tamén en 2018 nos orzamentos do estado”, explica o Alcalde.

Os asistentes á reunión, encabezados polo Alcalde, recordáronlle á subdelegada que para a mellora do tramo que cruza Areas, Arnoso e Xinzo figura unha previsión de tres millóns de euros para este ano e outros tres millóns de euros para 2019. Entre as actuacións a executar está a realización do proxecto e posterior contratación das obras de construción de glorietas nestas tres parroquias nos enlaces cos viais municipais así como de sendas que garanten a seguridade peonil e ciclista. Nesta zona, no tramo entre o punto quilométrico 645,2 e o 649,9 estase rematando nestas semanas unha pequena obra de mellora da iluminación.

En canto á variante de Ponteareas que conecte o núcleo urbano co enlace da autovía A-52 en Moreira, os orzamentos recollen a previsión plurianual para executar esta obra por importe total de 21 millóns de euros. 

Sobre esta actuación, non existe aínda proxecto e está pendente da sinatura dun convenio xa comprometido en 2015 entre o Ministerio, a Xunta e o concello. Esta obra pola que levamos agardando dende a apertura da autovía resulta vital para mellorar a seguridade viaria e o futuro de Ponteareas”.

Alcalde e Tenente de Alcalde urxiron na necesidade de concretar un calendario de actuacións con prazos e datas para convertir os compromisos en melloras de comunicación e seguridade viaria.

Pola súa parte, a subdelegada comprometeuse a recabar información en Fomento de por qué o proxecto da N120 aínda non está tramitado e de que situación se atopa neste intre.