Ponteareas entrega os diplomas dos cursos da aula CeMIT

entrega-diplomas-cemitO Concello de Ponteareas vén de facer a entrega de diplomas dos cursos da Aula CeMIT, nos que participaron máis de 49 alumnos repartidos en 9 cursos que se impartiron dende o mes de abril ata o mes de xuño deste ano 2015, sumando un total de máis de 136 horas de formación.

Estas accións formativas estiveron principalmente dirixidas a persoas maiores, que asistiron a clases de alfabetización dixital, iniciación á informática e iniciación á internet, entre outras. Ao longo destes meses tamén se impartiron cursos relacionados con procesadores de texto e follas de cálculo, nos que tomaron parte persoas de moi diversas idades.

Esta aula CeMIT de Ponteareas, situada no Centro de Servizos Sociais, totalmente preparada e acondicionada polo Concello de Ponteareas, conta co apoio da Xunta de Galicia, e dende a súa posta en marcha, no ano 2011, acolleu a máis de 1500 usuarios e ofreceu máis de 200 accións formativas que se programaron dende a concellería de Novas Tecnoloxías.