Ponteareas entrega os diplomas do curso de monitor de fútbol base

A Concellería de Deportes do Concello de Ponteareas entregou onte os diplomas do curso federativo de monitor de fútbol base no que participaron arredor de cincuenta e cinco alumnos.
No acto de entrega de diplomas que tivo lugar no salón de plenos municipal, estiveron presentes a Tenente de Alcalde,Chus Garrote, o Concelleiro de Deportes , Benito Márquez; Manuel Mosquera, Presidente da Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol e José Luis Mosquera, ex xogador e analista do Celta de Vigo que ademais foi o encargado da formación destes máis de cincuenta monitores.
Durante un mes e en horario de sete e media a dez e media da noite, o alumnado adquiríu os coñecementos precisos para adestrar equipos federados ata a categoría que indique o regulamento geral da Federación Galega de Fútbol.
José Luis Mosquera explica que prestou especial importancia nos aspectos pedagóxicos para que os monitores saiban detectar as diferentes etapas que pasan os pequenos e adaptar a docencia as necesidades da etapa oportuna.
Durante o acto, o Concelleiro de Deportes aproveitou para convidar á Federación Galega de Fútbol a repetir o curso de monitor de fútbol base e dar un paso máis na formación ofertando para o ano o curso de adestrador básico de fútbol (nivel) que correspondería a UEFA B.
“Trasladeille a Manuel Mosquera a nosa petición de insistir na formación e de volver repetir o curso de monitor de fútbol base pero tamén avanzar e ofrecer para o ano o curso de adestrador básico de fútbol nivel 1 (UEFA B) e seguir medrando ata ampliar a oferta aos cursos de adestrador avanzado de fútbol nivel 2 (UEFA A) e, por que non, o de adestrador nacional nivel 3 (UEFA PRO) que nos situaría no referente da formación de adestradores de fútbol”, indica Benito Márquez.