Ponteareas dicta normas para regular as saídas á rúa con animais de compañía

Preténdese evitar fraudes “que poñen en risco a saúde da xente e que constitúen unha falta de respecto para a maioría da veciñanza que cumpre co confinamento”

O Concello de Ponteareas vén de ditar, a través dun bando, normas que regulan a saída da veciñanza á rúa con animais de compañía. O goberno local lembra que durante o estado de alarma só se permite a circulación con animais de compañía polo tempo imprescindíbel para que estes realicen as súas necesidades fisiolóxicas.

 

Segundo o Concello téñense detectado diferentes comportamentos fraudulentos que poñen en risco a saúde da xente e que constitúen unha falta de respecto para a maioría da veciñanza que cumpre co confinamento. Así, tense constatado que algunhas persoas realizan paseos e circulan por espazos públicos por tempo que excede o imprescindíbel para a realización de necesidades fisiolóxicas dos animais. Tamén se pretende evitar o fraude consistente en que diferentes persoas realicen numerosas saídas co mesmo animal ao longo do día.

 

Para evitar estes comportamentos “insolidarios e incívicos” o Concello establece como obriga que a persoa que acompañe o animal terá que ser o propietario/a ou titular do mesmo, conforme ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía, ou outra persoa por razóns que se deberán xustificar debidamente. Ademais, a persoa que circule co animal só poderá facelo nun radio máximo de 200 metros desde o seu domicilio. Por outra banda, para evitar os abusos e facilitar o control pola Policía Local os animais só se poderán sacar en tres franxas horarias: de 8:00 a 10:00; de 14:00 a 16:00 e de 21:00 a 23:00. Fóra destes horarios non se permite a presenza de animais de compañía no espazo público. E dentro desas franxas só se fará polo tempo mínimo imprescindíbel para realizar as necesidades fisiolóxicas. Ademais o animal non terá contacto con outros animais ou persoas e o acompañante do animal levará consigo bolsa para recoller os excrementos e unha botella de auga con deterxente para limpar a urina.

 

O goberno advirte que no caso de incumprimento de calquera destas normas e instrucións a Policía Local verase na obriga de denunciar ao infractor/a.

 

A información con estas normas estase a colocar en todas as rúas da vila para coñecemento xeral da veciñanza, xunto con outras recomendacións relativas á realización de compras de produtos de primeira necesidade. O goberno lembra que as persoas maiores deben evitar saír a facer a compra encargándoa, se é posíbel, a familiares ou veciños/as ou realizándoa on-line se dispoñen de medios. As persoas con problemas de mobilidade poden recorrer ao servizo de voluntariado do Concello no teléfono 687764516. Lémbrase tamén que diferentes establecementos teñen servizo de pedidos on-line con entrega a domicilio.

 

No mesmo sentido pídese que non se realicen compras diarias senón pensadas para bastantes días. O peso das compras non é unha excusa segundo o Concello pois para as persoas sen vehículo propio moitos establecementos teñen servizo de entrega a domicilio da compra feita presencialmente no local.