O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, informou da proposta do goberno local de ampliar a rede municipal de auga nas parroquias de Moreira, San Mateo, Angoares e Areas para o que prevé destinar 152.818,26 euros do Plan Concellos a estas obras, “cumprimos o noso compromiso cos veciños e veciñas atendendo as súas prioridades, pero este servizo básico tamén é unha obriga da Xunta e nese sentido agardamos a súa colaboración para poder chegar coa rede a todas as vivendas”, manifestou Represas.
O rexedor local insiste en que o abastecemento de auga é un servizo básico de primeira necesidade indispensable sobre todo nos meses de verán, “non debemos esquecer situacións como a deste verán pasado na que moitos pozos particulares secaron tendo que o concello subministrarlles a auga con camións cisterna”. Ademais, a auga tamén é unha ferramenta de defensa contra sucesos como os lumes “temos presente sempre a grave situación que viviron moitas familias por mor dos lumes do pasado mes de outubro véndose arrodeados de lapas sen ter nin unha gota de auga coa que defenderse”.
Agora, con este proxecto o goberno actual de Ponteareas garante a chegada da rede de auga aos lugares de Abelleira, Macardín, Soutiño, A Cheira, Penabella, A Lomba ou As Cachadas.
Os proxectos que teñen como finalidade achegar a traida municipal de auga a todas as vivendas son considerados como investimentos prioritarios polo actual goberno municipal “é unha das medidas que contribúe a mellorar a calidade de vida e a facer de Ponteareas un espazo máis saudable para vivir”
O proxecto que irá ao Pleno ordinario que se celebrará o martes 20 de marzo, foi redactado polo enxeñeiro técnico municipal, contemplando instalar 7 novos tramos de rede de abastecemento cunha lonxitude total de 2.524 metros para dar servizo ás vivendas dos lugares citados.
Represas lembrou que no pasado mes de decembro mantivo unha reunión de traballo co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, durante a que o rexedor lle trasladou ao responsable do organismo de conca o seu interese en dúas actuacións en materia de abastecemento e depuración e agora estas obras son partes desas actuacións solicitadas nesa reunión.
Concretamente, o alcalde propuxéralle estender a rede municipal de abastecemento a varias poboacións que actualmente non contan con este servizo municipal. A actuación, que tería segundo as estimacións do concello un custo aproximado de 700.000 euros, permitiría a conexión ao servizo de abastecemento de 1.200 veciños, entre outras, das parroquias de Angoares, Moreira e San Mateo que tiveron problemas de escaseza de auga durante a seca que está a afectar a Galicia agravada pola vaga de lumes do pasado outubro. Ao respecto, o rexedor plantexa acadar un acordo de financiamento das obras entre o Concello, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.