Ponteareas destacou ás empresas que naceron e medraron na lingua nai

O premio “Ponteareas, lingua e empresa” distinguíu a tres empresas que na súa actividade diaria empregan a lingua galega

Por levar o galego á grandes centros de distribución de toda a península, por permitir que os usuarios dispoñan da súa documentación patrimonial en galego e por difundir a lingua nos eidos da saúde foron recoñecidos cunha escultura de Silverio Rivas

Un premio distinguíu por vez primeira na historia de Ponteareas o emprego da lingua galega no ámbito comercial e empresarial, con este xesto o goberno ponteareán quere non só promover o uso da lingua galega se non tamén recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector.

Con este obxectivo naceu o premio “Ponteareas, Lingua e empresa” que entregou os galardóns deseñados en exclusiva para este evento polo escultor ponteareán Silverio Rivas. Unha obra en aceiro inoxidable inspirada nunha porta aberta, elemento máxico e protector presente en tódalas culturas ancestrais e mitolóxicas segundo explica o propio autor.

A porta simboliza o paso a un nivel superior. Se a porta é o inicio, al lingua é o modo de facer a viaxe, o vehículo que nos permite acadar novos horizontes e conectar mundos diversos”, manifestou Silverio Rivas.

A concellería de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, e a concellería de Lingua, que dirixe Fernando Groba, acompañados do alcalde Xosé Represas e dos membros do xurado entregaron os diplomas as tres empresas gañadoras que no desempeño da súa actividade diaria elexiron a lingua galega para se comunicar tanto interna como externamente e que mesmo conseguiron marcar fitos históricos.

Industrias Cárnicas Fontefría, DIE gabinete técnico e Máis Vida son as tres empresas que recibiron da man de Silverio Rivas o galardón e o diploma da man dos membros do xurado composto por Inma Viejo Gómez, en representación de BANASTRA, Carme Pérez Vaquero da Fundación Lois Peña Novo e Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador .

Trinta anos facendo marca en galego

Pola súa aposta e longa traxetoria no uso da lingua galega ao longo de décadas etiquetando os seus produtos en galego, levando o idioma galego ás grandes superficies e áreas de distribución tanto en Galicia como fóra dela, emitindo tíckets de compra en galego, na rotulación estática das tendas e na publicidade móbil dos seus vehículos de reparto, foi recoñecida Industrias Cárnicas Fontefría. O xurado salienta a importancia que estas actitudes teñen para o prestixio social da nosa lingua no ámbito socioeconómico xa que achega a lingua aos consumidores e consumidoras e provoca unha receptividade favorable ao seu uso na sociedade.

Marcando un fito histórico

Polo uso continuado e exclusivo da lingua galega na súa actividade profesional o xurado destacou ao gabinete técnico DIE que ademais destaca pola repercusión que ten sobre a creación dun corpus lingüístico de documentos técnicos en galego presentados perante organismos como o rexistro da propiedade ou notarías, que favorece que os usuarios e usuarias teñan a posibilidade de ter documentadas as súas propiedades en galego.

Ampliando fronteiras

Na categoría de incorporación recente ao uso da lingua galega foi premiado Máis Vida pola súa contribución a visibilizar o galego dentro do eido da saúde, axundando a gañar novos espazos de uso para a lingua galega a través dunha actividade que chega á ampla capa da sociedade.