A descuberta realizarase nun acto que terá lugar o sábado 30 de abril e que contará coa presenza do compositor homenaxeado
O 30 de abril, ás 19:00 horas, dará comezo o acto oficial de descuberta da placa da rúa Rogelio Groba Groba, en homenaxe ao afamado compositor ponteareán, que terá lugar ao pé da Casa do Concello.
Deste xeito, a rúa Darío Bugallal pasará a chamarse rúa Rogelio Groba Groba. O acto contará coa presenza do propio compositor (Fillo Predilecto de Ponteareas) e da Banda de Música Unión de Guláns, que interpretará a música do mestre.
Rogelio Groba vén de entregar ao Concello, esta mesma semana, A Marcha das Flores, unha obra especialmente dedicada ao Corpus de Ponteareas e que o propio músico definiu “como un acto de agradecemento á corporación ponteareá que decidiu homenaxearme dándolle o meu nome a unha rúa na miña vila natal, o cal supón un enorme honor para min”.