Ponteareas dálle voz ás mans do Corpus

Ponteareas dálle voz ás mans do Corpus

O Concello presenta o vindeiro sábado 22 de abril un documental no que se pon en valor o traballo colaborativo para facer as alfombras florais da vila

Será ás 18.30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo

Ponteareas pon en valor o traballo colectivo, o esforzo e a singularidade das súas alfombras e do seu Corpus. O vindeiro sábado 22 de abril, o Concello proxectará ante o público por primeira vez a peza audiovisual titulada ‘As mans do Corpus’, na que se destaca “o traballo colaborativo que realiza durante todo o ano un pobo envorcado na planificación, deseño, preparación de material e creación dun quilómetro de alfombrado no centro da nosa vila”, como destaca a alcaldesa, Cristina Fernández.

O documental recolle “o traballo interxeracional entre as e os alfombristas, xa que son as persoas con máis experiencia as que transmiten todos os seus coñecementos e as técnicas empregadas aos máis novos e novas”, salienta a concelleira de Turismo, Eva Gil.

Esta peza documental recolle o testemuño dalgúns dos protagonistas das alfombras ponteareás, que poñen voz e rostro a un arte efémero con 200 anos de tradición pero que soubo avanzar e modernizarse para ofrecer tamén un espectáculo festivo e cultural considerado Festa de Interese Turístico Internacional. “Por fin se lle da verdadeira voz a eles e elas, que son os verdadeiros protagonistas e as e os que conseguen que cada ano as rúas de Ponteareas se enchan de flores, de cor, de sensacións e olores únicos e irrepetíbeis e difunden, promocionan e ensinan o noso Corpus máis alá das nosas fronteiras ”, recalca a rexedora.

No documental Alejandro Porto, Ana Fernández, Iago Carrera, Julio González, Maruja Carrera, Miguel Mera e Pilar S. Garra poñen voz a toda unha tradición en representación de todo o colectivo, dende a experiencia das persoas máis maiores ata a mocidade, e a todos os pasos do proceso de creación das alfombras da vila. Son todas e todos eles os verdadeiros protagonistas do Corpus de Ponteareas.

Días de traballo, paixón e loucura que forxan amizades nunha festa que sitúa ás súas alfombras e a Ponteareas no mundo. O documental proxectarase ás 18.30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo nun acto aberto a toda a veciñanza con entrada libre ata completar aforo.