Ponteareas dá un ultimatum á Xunta polo saneamento de Ribadetea

 

O Concello e a Plataforma Veciñal esixen á conselleira Ethel Vázquez aclaracións e solucións tralo incumprimento dos seus compromisos

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, remitiu un escrito á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, esixíndolle aclaracións e solucións diante do incumprimento dos seus compromisos e promesas en relación ao saneamento da parroquia de Ribadetea. A misiva é consecuencia da reunión mantida recentemente pola rexedora municipal cos representantes da plataforma veciñal desta parroquia ponteareán creada para reivindicar a dotación desta infraestrutura básica.

 

A alcaldesa lembra que Ribadetea é a parroquia de maior poboación de entre as que carecen aínda de saneamento. Tan só as parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo, así como algúns barrios de varias parroquias máis dispoñen deste servizo elemental. No ano 2015 o daquela alcalde Xosé Represas abríu unha interlocución coa Xunta de Galicia para contar coa súa colaboración coa finalidade de dotar de saneamento a Ribadetea. A petición amparábase na existencia doutras actuacións semellantes acometidas e financiadas dende a Consellaría noutros concellos.

 

Cristina Fernández lémbralle á Conselleira Ethel Vázquez que “tras numerosos contactos e reunións se obtivo un compromiso da Xunta que, toda a veciñanza e o noso goberno, considerabamos era firme: realizar un anteproxecto completo e un posterior proxecto de execución e, finalmente, colaborar na financiación das obras achegando a Xunta o 80% do investimento”. Desas conversas e compromisos foi tamén coñecedora a veciñanza a través da Plataforma de Saneamento de Ribadetea que participou neses encontros.

 

Porén, a alcaldesa explica que “nas conversas telefónicas e por videoconferencia mantidas nos últimos tempos con responsabeis da Consellaría atopámonos cunha negativa a avanzar nos compromisos acadados, xustificándoa na imposibilidade de obter os permisos correspondentes da Confederación Hidrográfica do Miño Sil por carecer a EDAR de Ponteareas de dimensión para o tratamento de máis vertidos”. Cristina Fernández aclara que “este impedimento, que non era incompatíbel con avanzar na redacción do proxecto, está superado tralo acordo entre o Estado, a Xunta e o Concello para cofinanciar e executar antes de 2023 a ampliación da EDAR”.

 

Segundo a rexedora municipal nos últimos meses a Consellaría ten transmitido ao Concello a súa falta de disposición a abordar a redacción do proxecto e a cofinanciar a obra. O Concello e a plataforma veciñal consideran que “a Xunta de Galicia mudou a súa posición e agora non ten vontade de cumprir aqueles compromisos”. Cristina Fernández lémbralle a Ethel Vázquez que “o saneamento de Ribadetea non pode agardar máis” e pídelle á Conselleira que de xeito “formal e de maneira documentanda” informe ao concello sobre se a Xunta está disposta a asumir a redacción do proxecto e confinanciar as obras nun 80% e en caso afirmativo en que prazo se redactaría o proxecto. Para o caso que non exista tal disposición, a alcaldesa esixe á Xunta que aclare se está disposta a cooperar co Concello dalgún xeito tanto na redacción do proxecto coma na execución das obras. 

 

A alcaldesa sinalou que “por respecto e lealdade institucional agardamos unha resposta da Conselleira á maior brevidade posíbel para que este goberno poida tomar as súas decisións e dotar de forma prioritaria á parroquia de Ribadetea de saneamento”.