Ponteareas creará unha oficina de atención ao cidadán na Casa do Concello

concelloO Alcalde de Ponteareas anunciou a creación dunha Oficina de Atención ao Cidadán na Casa do Concello que entrará en funcionamento co inicio do ano 2016. O servizo porase en marcha aproveitando as obras de rehabilitación dunha parte da planta baixa da casa consistorial, onde se habilitarán cinco departamentos, destinando un deles a este novo servizo. As obras xa aprobadas suporán un investimento de 111.000 euros.

Xosé Represas salientou que “esta iniciativa se enmarca no noso obxectivo de modernizar a administración municipal de Ponteareas. Aínda que resulte incríbel e sorprendente, o certo é que Ponteareas non contaba cunha oficina de atención aos veciños, onde recibir información sobre a actividade municipal ou ser asesorados ou orientados respecto ás súas demandas ou necesidades”.

O rexedor local lembra que “até agora os veciños que se achegaban ao concello tiñan que “buscarse a vida” para informarse, utilizando con frecuencia o Rexistro Xeral ou outros departamentos como a secretaría municipal, e en moitos casos dando voltas dun departamento a outro na busca de información”. Represas amosouse convencido de que “con este servizo melloraremos a calidade da atención aos ponteareáns e ao mesmo tempo melloraremos a eficacia doutros servizos que se verán liberados da atención ao público”.

O Alcalde lembrou que “estamos traballando na redacción dun ambicioso plan de modernización da administración local de Ponteareas para converter o Concello nunha administración pública moderna, áxil, eficaz e eficiente, e lograr un alto nível de satisfacción da veciñanza na súa relación coa administración. A creación da Oficina de Atención ao Cidadán é un primeiro paso nesa dirección”, indicou Represas.