Ponteareas crea 15 novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

Ponteareas crea 15 novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

En catro anos as prazas incrementáronse nun 70% coa creación dun total de 40 en numerosas rúas

O Concello de Ponteareas vén de crear 15 novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. Unha parte importante delas están situadas a carón das entradas ao centro peonil, de maneira que as persoas usuarias poden estacionar sen limitación horaria e desprazarse a pé ou en cadeira de rodas sen atrancos nin barreiras por numerosas rúas peonalizadas. O Concello lembra que, ademais, dentro da propia zona peonil as persoas con mobilidade reducida poden acceder con vehículo e realizar paradas en calquera lugar durante un máximo de 15 minutos.

As novas prazas e as súas características teñen en conta un informe elaborado por Combina Social, unha consultora creada por COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e contratada polo Concello para o asesoramento nesta materia. O concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, explica que “na liña seguida nos últimos catro anos polo Concello, as prazas dispoñen de zonas de transferencia, laterais ou traseiras, mediante cebreados que facilitan a saída e entrada ao vehículo e o desprazamento das persoas que o precisan”.

No ano 2019 Ponteareas contaba, segundo o Plan de Mobilidade, con 58 prazas de mobilidade reducida, a meirande parte delas sen zonas de transferencia. Dende entón o Concello creou un total de 40 prazas novas, un incremento dun 70%, e corrixiu numerosas prazas antigas incorporándolle esas zonas de transferencia.

Mera salientou que “aínda queda moito por facer pero nestes últimos anos convertemos Ponteareas nunha vila moito máis respectuosa e adaptada ás necesidades das persoas con mobilidade reducida”. Nesta liña salientou que “a peonalización de numerosas rúas supuxo que as persoas con discapacidade dispoñan por vez primeira de amplísimos espazos públicos tanto para a estancia e a vida social como para os desprazamentos, mentres antes estaban condenadas a non poder moverse ou facelo por beirarrúas moi estreitas”.