Ponteareas convocará un concurso para seleccionar o cartel do Corpus 2017

O Goberno local  fixo unha primeira xuntanza cos alfombristas para iniciar a preparación do Corpus 2017

Ficou aprobado por consenso, por primeira vez, un regulamento e un representante dos alfombristas para participar na Asociación Internacional de Arte Efémera

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, mantiveron esta semana no Salón de Plenos unha xuntanza cos representantes dos alfombristas das rúas e tramos alfombrados co fin de dar os primeiros pasos na organización do Corpus 2017, aprobar o primeiro regulamento e escoller o alfombrista que represente a Ponteareas na Asociación Internacional de Arte Efémera.

Escolleuse a Miguel Novoa por selo do primeiro tramo alfombrado, acordando que cada ano ostentará esta representación un de cada rúa ou tramo alfombrado, de forma correlativa. A participación de Ponteareas nesta asociación conta con todo o apoio do Goberno local. Un dos seus principais labores será acompañar aos alfombristas nos actos internacionais e de promoción exterior do Corpus.

Concurso de carteis

Unha das novidades para 2017 co obxectivo de iniciar de inmediato a difusión do Corpus é a creación dunha convocatoria dun concurso de carteis da festa máis internacional de Ponteareas. Os alfombristas consideraron positiva a proposta do Goberno. Dáse comezo con esta iniciativa á difusion da festa das alfombras do Corpus Christi de Ponteareas de antemán para procurar unha maior repercusión no 2017.