Ponteareas convoca tres postos de socorristas para a tempada de verán

Os contratos por obra ou servizo determinado, terán unha duración de tres meses
As probas de selección terán lugar o vindeiro 8 de xuño ás 9:00 no Salón de Sesións da Casa do Concello

O Concello de Ponteareas, vén de convocar tres prazas para socorristas para a tempada de verán de cara a garantir, como explicaba o alcalde Xosé Represas, “a seguridade dos usuarios e usuarias das zonas de baño do municipio na tempada estival”.
Os candidatos e candidatas, que serán remitidos polo Servizo Público de Emprego coa clave CNO 55921017, terán a proba de selección o día 8 de xuño ás 9 horas no Salón de Sesións da Casa do Concello.
Entre os requisitos mínimos imprescindibles para poder optar a unha das tres prazas, está a de ser maiores de 16 anos, de nacionalidade española, nacional de algún Estado membro da Unión Europea ou estranxeiro con residencia legal en España e co dereito de acceso sen limitación ao mercado laboral. Ademais deberán estar inscritos/as no Servizo Público de Emprego.
En todo caso, non poderán optar a estas prazas os/as candidatos/as que xa tiveran un contrato igual ou superior aos 6 meses con cargo a axudas similares concedidas pola Consellería de Economia, Emprego e Industria.
Os/as aspirantes terán que estar en posesión, obrigatoriamente, da titulación mínima de Bacharalato, Técnico Superior ou equivalente e ademais teñen que estar inscritos como socorristas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia na sección de socorristas en espazos acuáticos naturais.
O proceso selectivo será mediante o proceso de concurso-oposición. Na fase de concurso valoraranse méritos como a formación, puntuando segundo os cursos relacionados con socorrismo acuático, natación, primeiros auxilios, etc… A puntuación máxima que se pode acadar neste apartado será de catro puntos.
Na fase de oposición, os/as aspirantes terán que desenvolver unha proba escrita, probas físicas e unha proba de galego que será obrigatoria pero non eliminatoria.
En caso de empate, terán preferencia á hora de optar a unha praza, aquelas persoas que pertenzan a colectivos vulnerables, desfavorecidos ou en risco de exclusión social.
As bases, na súa integridade, poden ser consultadas na seguinte ligazón:

Oferta Emprego Público