Ponteareas convoca novas axudas para obras nas traídas veciñais de augas

Este ano suma unha nova convocatoria de 70.000 euros, despois de destinar medio millón de euros para estas obras nos últimos 4 anos.

O goberno local de Ponteareas ven de anticipar a todas as asociacións de traídas veciñais de augas unha nova convocatoria de axudas, por importe de 70.000€, que sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia na vindeira semana.

Estas axudas, que se financian con fondos propios do Concello, é posible realizala agora grazas a superar a situación económica de bancarrota anterior a 2018. O prazo para a presentación das solicitude é de 20 días naturais a partir da publicación no BOP. Neste momento, todas as traídas xa dispoñen de toda a información para adiantar a documentación que deben presentar á convocatoria.

“Durante moitos anos, as comunidades de augas foron resolvendo este problema xestionando o seu propio subministro e, en moitos casos, a título individual cada fogar construíu o seu propio pozo. Pero coa seca, sumado ás consecuencias dos incendios, moitos pozos esgotáronse e as redes de abastecemento das traídas de augas resultan xa insuficientes. Esta cuestión, na que xa levamos traballando un tempo, é de vital importancia ao tratarse non só dun subministro de primeira necesidade senón tamén dunha ferramenta de defensa das vivendas contra o lume”, explican dende o goberno do BNG e PSOE.

A convocatoria de 2021 primará ás peticións das traídas que non recibiron axuda noutros anos. Ademais, a concesión destas axudas supón unha inxección de fondos que promoven o emprego próximo, porque permiten que as comunidades de augas contraten obras que, moitas veces, son realizadas por pequenas empresas locais.

No balance desta pioneira convocatoria de axudas, o goberno ponteareán destacou “a excelente acollida que tivo esta iniciativa nos últimos anos, que permitiu realizar investimentos por importe superior a 500.000 euros na maioría das parroquias con traídas veciñais. Entre as obras realizadas figuran melloras nos sistemas de captación de auga, sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos, filtración, decantación, etc.) e melloras nas redes de distribución de augas.