Ponteareas convoca dous postos de socorristas para a tempada de verán

O Concello de Ponteareas, vén de convocar duas prazas para socorristas para a tempada de verán de cara a garantir, como explicaba o alcalde Xosé Represas, “a seguridade dos usuarios e usuarias das zonas de baño do municipio na tempada estival”.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia concedeu ao concello unha subvención de 7.200 euros para a contratación de socorristas durante dous meses, o concello ampliará o servizo facéndose cargo da contratación durante un mes máis.


Os candidatos e candidatas, que serán remitidos polo Servizo Público de Emprego coa clave CNO 59921017, poden presentar a documentación ata o martes 18 de xuño.

Os/as aspirantes terán que estar en posesión, obrigatoriamente, da titulación mínima de Bacharalato, Técnico Superior ou equivalente, CELGA3 e ademais teñen que estar inscritos como socorristas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia na sección de socorristas en espazos acuáticos naturais.


O proceso selectivo será mediante o proceso de concurso-oposición. Valoraránse méritos como a formación, puntuando segundo os cursos relacionados con socorrismo acuático, natación, primeiros auxilios, etc e terán que desenvolver unha proba física que terá lugar o vindeiro 26 de xuño ás 17 horas na praia da Freixa.
As bases, na súa integridade, poden ser consultadas na páxina web do concello na pestaña “oferta de emprego público” ou directamente na seguinte ligazón:

https://ponteareas.gal/descargas/empregopublico/07062019-Bases-Socorrista.pdf


Entre os requisitos mínimos imprescindibles para poder optar a unha das duas prazas, está a de ser maiores de 16 anos, de nacionalidade española, nacional de algún Estado membro da Unión Europea ou estranxeiro con residencia legal en España e co dereito de acceso sen limitación ao mercado laboral. Ademais deberán estar inscritos/as no Servizo Público de Emprego.