Ponteareas convoca axudas para empresas que contraten traballadores e para altas de autónomos

O Concello de Ponteareas convocou por cuarto ano consecutivo as subvencións de apoio á creación de emprego por parte da iniciativa privada na localidade. As axudas foron implantadas en 2015 pola decisión persoal do Alcalde de destinar a ese fin a partida do presuposto reservada para o seu salario, ao que renunciou.

As axudas foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia e a contía total ascende a 50.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes remata o 14 de xuño de2019. As bases e os impresos pódense atopar na páxina web do concello na pestaña “axudas e subvencións” ou accedendo a través desta ligazón https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/

Nos tres últimos exercicios concedéronse un total de 103.000 euros cos que se apoiou a contratación ou a consolidación como indefinidos de máis de 80 traballadores por parte de empresas e autónomos.

O alcalde lembra que “é a primeira vez que o Concello de Ponteareas adica recursos a apoiar e incentivar a creación de emprego por parte da iniciativa privada. A principal preocupación dos ponteareáns é o emprego e esa é a nosa prioridade como goberno”.

Poderán beneficiarse das axudas, tanto os emprendedores a título individual que acceden por primeira vez ao mercado laboral como empresas e autónomos que queiran contratar novo persoal ou aquelas que vaian mudar a modalidade dos contratos temporais a indefinidos.