Ponteareas contratará a 34 persoas desempregadas

Será grazas ao plan de emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e permitirá crear postos de traballo en diferentes áreas

concelloPonteareas participará no plan de emprego convocado pola Deputación para financiar a prestación de diversos servizos básicos de competencia municipal a través da contratación de 34  persoas desempregadas. O Concello de Ponteareas acóllese a esta iniciativa, denominada “II Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais 2015”, que conta con axudas que financian o custo salarial e a seguridade social dos traballadores durante o prazo de dous meses.

A xornada laboral será de 35 horas semanais e o importe bruto mensual subvencionado pola Deputación será de 973 euros por cada traballador, mellorando notablemente as condicións do último plan de emprego posto en marcha dende o órgano provincial cando este era gobernado polo Partido Popular, que determinaba unha xornada laboral de 25 horas semanais e un importe bruto mensual subvencionado pola Deputación de 696 euros por cada traballador.

Os servizos que se van prestar serán de interese xeral ou social e permitirán reforzar moitos que xa son prestados polo concello en réxime de administración directa. Todas as persoas interesadas en participar no proceso de selección “deberán ser persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI, PREPARA e outros similares), inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección coma no da formalización do contrato”.

O Concello de Ponteareas será quen realice a selección definitiva dos candidatos mediante un proceso de selección  que desenvolverá un tribunal formado por funcionarios.

As categorías profesionais que o consistorio ten previsto contratar son as de técnico auxiliar de cultura ou turismo, técnico auxiliar de medio ambiente, auxiliar administrativo, albanel, fontaneiro, limpador e peón. O número de prazas asignadas a cada categoría será comunicada polo Concello nos vindeiros días, antes de que as ofertas sexan presentadas na Oficina do Servizo Público de Emprego.