Ponteareas contrata o primeiro plan director de saneamento para todo o concello

O goberno de Ponteareas contrata o plan director de saneamento, o primeiro plan que guiará as futuras accións nesta área para actuar con previsión e organización e non con melloras improvisadas que non dean solucións a longo prazo como se viña facendo ata a data.

O plan director, financiado con cargo ao Plan Concellos marcará a folla de ruta para dar solución aos case 8.000 veciños e veciñas que neste momento carecen deste servizo público básico.

Este proxecto marcará os investimentos e actuacións que nos vindeiros anos se deberán realizar para que toda a veciñanza coñeza as previsións de coste, financiamento e en que anos se realizarán as obras e saber en que momento poderán contar con este servizo por iso unha vez rematado será presentado á veciñanza das parroquias. 

Este plan xa se está realizando coa empresa que nestes intres redacta o proxecto “Estudo de alternativas e redacción de proxectos para a mellora do saneamento do casco urbano e aglomeracións limítrofes de Ponteareas e da EDAR de A Moscadeira” comprometido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. 

O plan director nace coa finalidade de dar solucuión aos problemas crónicos de saneamento e contaminación dos acuíferos e do río Tea, sendo a primeira vez que se está realizar un proxecto que contempla o estudo das augas claras dende o Pedra de Auga á depuradora, que ademais prantexará solucións de depuración con sistemas máis eficientes e ecolóxicos e que se estudará detalladamente as propostas máis axeitadas para a realidade do rural en Ponteareas.

O plan director de saneamento consiste na planificación e programación razoada do servizo tendo en conta a realidade territorial actual e o planeamento urbanístico. 

Este plan servirá de programación operativa e non precisa ter unha tramitación específica condicionada por outras administracións servindo como marco Xeral para o futuro.

Para este plan, deberase trasladar a un sistema de información xeográfica (SIX) os datos topográficos da rede proporcionados polo concello para crear un modelo topolóxico da rede tras comprobar in situ a rede primaria de colectores. O plan director, que se realizará seguindo as determinaciós técnicas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) establecerá tamén as principais problemáticas da rede actual e coordinarase cos traballos que desenvolve a CHMS no casco urbano de Ponteareas definindo aquelas parroquias susceptible de enviar as Augas residuais á nova rede principal definida nos proxectos a realizar pola CHMS. 

Este plan detallará de xeito pormenorizado e particular a eliminación de intrusións e infiltracións, programas de atenuación de auga de drenaxe e pluviais e outras actuacións para a sustentabilidade do sistema. Tamén deberá abarcar un programa de mantemento e conservación, centrado na prevención e inspección da rede. 

En defintiva, o plan director aportará un documento de diagnose e outro de programación que permita actuar de xeito ordenado e acertado no entramado da rede de saneamento.

Para o Alcalde, Xosé Represas, este plan director marca a diferencia no xeito de traballar, pasando de solucións puntuais esporádicas a actuacións organizadas que se vaian sumando para conseguir unha rede de saneamento estruturada e ben pensada.

“Para rematar con obras que dan solucións no momento pero que non resolven a longo prazo é necesario un documento como o plan director no que se detecten todas as necesidades e os erros cometidos e se aporten solucións á medida que xeneren unha auténtica rede de saneamento planificada buscando a eficiencia e a sostibilidade”.