Ponteareas continúa cos traballos de adecuación do pavimentado de varias pistas municipais

pavimentado pistasO Concello de Ponteareas está procedendo á adecuación do pavimentado das pistas municipais en varias parroquias do municipio, así como o asfaltado de varias pistas que ata o de agora carecían de pavimentación.
Dentro do Plan de mellora da pavimentación das pistas locais do Concello de Ponteareas, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, operarios da brigada de Vías e Obras, que dirixe o edil Alberto Novoa Iglesias, están acometendo a reposición e mellora da pavimentación das pistas municipais de varias parroquias, procedendo á cubrición con capa de rodadura de pavimentado nas zonas de Parada, A Carrasqueira e Nando, na parroquia de Xinzo. Igualmente, acaban de ser obxecto de asfaltado varias pistas que ata o de agora eran de terra e carecían de pavimentación na parroquia de Santiago de Oliveira. Posteriormente procederase a estes traballos de reposición da pavimentación no barrio das Cachadas, en Ponteareas, e na Quintenla, na parroquia de Bugarín.
O goberno local dentro do plan de mellora das vías de circulación municipais acomete todos os anos estes labores de reposición do pavimentado coa finalidade de facilitar o tránsito seguro e as mellores condicións para a circulación viaria.