Ponteareas contará por primeira vez na súa historia cun equipo feminino de hóckey na liga española

Ponteareas contará por primeira vez na súa historia cun equipo feminino de hóckey na liga española

Un equipo do Hóckey Club Ponteareas competirá na OK Prata Feminina, sendo o único representante da provincia de Pontevedra nesta categoría

Momento histórico para Ponteareas e para o hóckey na vila. Despois de catro décadas, o Hóckey Club Ponteareas volverá participar en liga estatal, neste caso na OK Prata Feminina, converténdoo no primeiro equipo feminino da vila que xoga nesta categoría e no único representante da provincia de Pontevedra na competición.

“Para nós é un orgullo ver as grandes cousas que está a acadar o club, que despois de 15 anos de parón foi quen de retomar a actividade e alcanzar metas tan importantes. Un éxito que lle debemos en moi boa parte a José Carlos Álvarez, Portu, que loitou por ese soño que tiña e conseguiu entusiasmar a cativos e cativas incluso durante a pandemia, pero tamén é un éxito dos nenos e nenas, das familias e persoas implicadas no club e do apoio de colaboradores, administracións públicas e de todos os patrocinadores”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante a presentación do equipo  do club.

Con novas fichaxes internacionais, as xogadoras do primeiro equipo participarán como adestradoras e formadoras da canteira e das escolas que o Hóckey Club Ponteareas está a crear en diferentes puntos e que agarda que sexa “determinante para a inclusión e expansión do hóckey feminino”. “O club está crecendo e somos conscientes de que estamos diante dunha oportunidade histórica. Para nós é un proxecto moi ilusionante, agora só agardamos encher o pavillón todos os partidos”, explicou Portu, presidente do club.

O acto  contou coa presenza de directiva, patrocinadores, deportistas do club e as súas familias e reuniu tamén a representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. A deputada Iria Lamas quixo destacar a importancia de apostar polo deporte feminino e a igualdade e de chegar a un nivel de competición tan alto “que situará a Ponteareas no mapa e terá unha salientábel repercusión deportiva, económica e social”.

Pola súa banda, Daniel Benavides, responsábel do servizo provincial de Deportes en Pontevedra da Xunta, recalcou o momento histórico que supón este feito para o club e para Ponteareas e o logro de Portu “por ser profeta na súa terra e un referente a nivel deportivo dentro e fóra de Galicia”.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, asegurou que o Concello xa traballa na posta a punto das instalacións para a competición. “É un orgullo que unha actividade con tanta tradición en Ponteareas acade este fito. Hoxe é un día de celebración, porque sabemos todo o traballo que hai detrás por parte do club, unha gran familia con vontade de seguir crecendo e que seguro que nos seguirá dando moitas alegrías”.

Na presentación tamén participou Bernardo Acevedo, de ACEIMAR Marcote, un dos grandes patrocinadores do club e que apoiará esta iniciativa con dúas bolsas para as deportistas internacionais que se incorporen ao equipo. Acevedo quixo aproveitar a ocasión para felicitar tamén ás familias, que “son o verdadeiro pulmón de calquera proxecto”, e avogou polas “sinerxías públicas e privadas para seguir desenvolvendo proxectos e devolver á sociedade todo o que nos dá”.